10 Xul 2024 Concello do Rosal e Confraría de Adegas ultiman os preparativos da XXXII edición da Feira do Viño
Chega a edición con máis horas de actividade de lecer e enoloxía da historia.
O Rosal, 9 de xullo de 2024. A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar a súa 32ª edición con numerosas actividades para todos os públicos e con máis horas de duración ca nunca. Do 12 ao 14 de xullo, a Praza do Calvario converterase no epicentro dunha celebración que combinará enoloxía, música, actividades familiares, exposicións e moita diversión.
Nesta edición a feira abrirá as súas portas o venres 12 de xullo, cun acto inaugural que se celebrará ao mediodía na renovada Praza do Calvario e que dará o tiro de saída a tres días de intensa celebración. Neste acto contarase coa participación de Nani Matos: actor, director, guionista e músico guardés. Entre as actividades programadas e baixo inscrición, atópase o scape room sobre o sector do viño, que iniciará o venres 12 desde a propia Praza do Calvario ás 19:30h, a cata de viños do Rosal dirixida pola sumiller Marina Cruces, que terá lugar o sábado ás 11:30h. Ás 19:00h, Xosé Tomás conducirá unha interesante actividade didáctica para nenos e nenas baseada no libriño recentemente presentado “Entre viños e viñas do Rosal”, que estará á venda durante o evento. Ademais, o domingo ás 10:00h realizarase unha ruta guiada polos Muíños do Folón e do Picón, e ás 18:30h, ofrecerase un espectáculo de maxia e globoflexia que promete sorprender a grandes e pequenos. Estas e moitas mais actividades e concertos de diversos xéneros e estilos musicais agardan sorprender esta fin de semana. Non esquezades inscribirvos para non quedar sen praza!
O evento, que este ano conta co prestixioso Fernando Gurucharri como pregoeiro, é un encontro de recoñecemento do esforzo de todas aquelas persoas que diariamente traballan nun sector importante tanto en termos sociais, como culturais e económicos para O Rosal. Tamén é un importante encontro social con diferentes actividades culturais, tradicionais e de convivencia veciñal. Trátase por tanto, dunha posta en común da calidade do noso produto do Rosal, o cal conta xa con grande aceptación e reclamo máis alá das nosas fronteiras territoriais.
Nesta cita, á que a alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida a todos e todas sexa cal sexa a súa idade e gustos tanto culturais coma enolóxicos, marídase o viño con outras expresións culturais, que conviven para ofrecer unha rica e variada programación. Lecer, convivencia, viño, gastronomía, patrimonio… son moitos os elementos que conflúen neste evento, dos que os rosaleiros e rosaleiras desfrutarán nesta fin de semana.
Nesta edición participarán as nove adegas que conforman a Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, garantindo unha ampla representación da riqueza vitivinícola da comarca. Como novidade, haberá autobuses circulares polo Rosal, ademais dos habituais autobuses que conectan con outras localidades da comarca, facilitando así o acceso, seguridade e participación de todos.
Non perdas a oportunidade de vivir esta experiencia única e gozar dun evento que combina tradición, cultura e bo viño. Esperámosvos na Praza do Calvario do 12 ao 14 de xullo!
Programa completo da XXXII Feira do Viño do Rosal
Venres, 12 de Xullo
- 11:30h – Cata comentada de viños de Rosal a cargo de Fernando Gurucharri (Inscrición previa)
- 13:00h – Inauguración Pregón da Feira a cargo de Fernando Gurucharri (Presidente Unión Española de Catadores) e apertura das casetas
- 19:30h – Presentación institucional do Scape Room do sector do viño e inicio da actividade (Inscrición previa)
- 23:00h – Concerto La Patrulla
- 02:00h – Peche da Feira
Sábado, 13 de Xullo
- 11:30h – Apertura das casetas
- 11:30h – Cata de viños a cargo de Marina Cruces (Inscrición previa)
- 13:00h – Concerto Brass Atlantic
- 19:00h – Actividade didáctica para nenos/as a cargo de Xosé Tomás a través do libriño “Entre viñas e viños no val do Rosal” (Inscrición previa)
- 20:30h – Pasarrúas Brass Atlantic
- 23:00h – Concerto Os Revenidos
- 02:00h – Peche da Feira
Domingo, 14 de Xullo
- 10:00h – Ruta guiada polos Muíños do Folón e de Picón (Inscrición previa)
- 11:30h – Apertura das casetas
- 12:00h – Obradoiro de cociña infantil a cargo de Isaac Míguez (Inscrición previa)
- 12:30h – Pasarrúas Grupo de Gaitas Airiños do Folón
- 13:30h – Concerto El Síndrome de Penny Lake
- 18:30h – Espectáculo de maxia e globoflexia lan e Elísa
- 20:00h – Concerto de Helen & Shana
- 00:00h – Peche da Feira
Enlace para as inscricións ás actividades:
https://drive.google.com/file/d/1DsxQqj11ItzG11RkOREJsIQWNhej5j-f/view