
03 Out 2018 3ª BTT RUTA DO VIÑO RÍAS BAIXAS
A 3ª BTT Ruta do Viño Rías Baixas espera rexistrar un novo éxito con 250 participantes
A cita celebrarase o vindeiro domingo 21 de outubro no Rosal
As inscricións débense formalizar en www.bttrutavinoriasbaixas.com
A Ruta do Viño Rías Baixas, integrada no Club de Producto de las Rutas del Vino de España, espera un novo éxito de convocatoria con 250 participantes no seu BTT, cuxa terceira edición trasládase ao Rosal e celebrarase o vindeiro domingo 21 de outubro. A presentación da cita deportiva tivo lugar no Pazo de Mugartegui.
O acto contou coa presenza do presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; a alcaldesa do Concello do Rosal, María del Carmen Alonso; a deputada de Emprego da Deputación de Pontevedra, Montserrat Magallanes; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o director comercial de Fontecelta, Juan José García. Tamén asistiron a esta presentación o concelleiro de Deportes do Concello de Tomiño, Ismael Troncoso, e representantes de diversas adegas asociadas localizadas na subzona do Rosal.
Na súa intervención, Juan Gil de Araujo ratificou “a aposta da Ruta do Viño Rías Baixas por harmonizar enoturismo e deporte a través desta terceira edición da BTT”. Unha proba deportiva que “agardo que resulte todo un éxito, como en edicións anteriores, coa participación de 250 amantes do ciclismo”, afirmou.
A 3ª BTT Ruta do Viño Rías Baixas conta cun percorrido de 45,5 quilómetros, que discorrerá entre os concellos do Rosal e Tomiño. O punto de inicio e finalización será a Praza do Concello do Rosal. A proba dará comezo ás 09.30 horas e estímase unha duración aproximada de algo máis de dúas horas para completar o percorrido.
Esta actividade “ofrecerá aos participantes a posibilidade de descubrir os viñedos que rodean a cinco das nosas adegas asociadas”. Máis concretamente, o itinerario discorrerá por Quinta Couselo, Lagar de Cervera, Altos de Torona, Terras Gauda e Valmiñor.
Ademais, estableceranse dous puntos de avituallamiento. Alí os deportistas poderán repoñer forzas para finalizar a proba.
Gil de Araujo lembrou que todas as persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través da web www.bttrutavinoriasbaixas.com. O prezo do dorsal é de 10 euros para deportistas federados e de 20 € para os que non o están. O custo cobre todos os seguros pertinentes para o bo desenvolvemento desta proba deportiva. O prazo para formalizar as inscricións finalizará o vindeiro xoves 18 de outubro.
Todas as persoas participantes levarán unha camiseta técnica de recordo, así como unha botella de viño da D.O. Rías Baixas elaborado por algunha das adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas. Ao finalizar a proba, ofrecerase un ágape a todos os deportistas.
Patrocinadores
O presidente da Ruta do Viño Rías Baixas agradeceu o “apoio prestado desde o Grupo Corte Inglés e Fontecelta para o desenvolvemento da terceira edición da BTT. Esta actividade tampouco sería posible sen a colaboración das institucións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra ou os Concellos do Rosal e Tomiño”, concluíu.
Sobre o Club de Producto Rutas del Vino de España
A Asociación Española de Ciudades del Vino ( ACEVIN) coordina e desenvolve o proxecto e a marca Rutas do Viño de España desde o ano 2001, un club de produto de turismo enolóxico apoiado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a Secretaría de Estado de Turismo e o Instituto de Turismo TURESPAÑA que se converteu nun referente a nivel nacional e internacional. O club está formado actualmente por 28 destinos enoturísticos localizados por toda a xeografía nacional potenciando os viños e a gastronomía de cada territorio, o traballo en rede, o turismo sustentable e a colaboración público privada. Actualmente, agrupa a máis de 550 municipios e máis de 2.000 empresas (600 das cales son adegas) e recibe máis de 3,2 millóns de visitantes anuais nacionais e internacionais, experimentándose un crecemento á alza nos últimos anos. Os principais destinos de enoturismo e as zonas vitivinícolas máis recoñecidas do país contan con Rutas do Viño formalmente constituídas, creadas cun modelo propio de desenvolvemento sustentable do enoturismo que asegura a calidade do servizo e agrúpanse en torno ao Club de Producto Rutas del Vino de España para fomentar sinerxias, promocionarse tanto a nivel nacional como internacional, mellorar a competitividade e recoñecer o importante esforzo que realiza o sector. Actualmente son Rutas do Viño de España: Alicante, Arlanza, Arribes, Bullas, Calatayud, Campo de Cariñena, Cigales, El Bierzo Enoturismo, Jumilla, Marco de Jerez, Garnacha-Campo de Borja, Lleida-Costers del Segre, Montilla-Moriles, Navarra, Enoturisme Penedès, Rías Baixas, Ribera de Duero, Ribera del Guadiana, Rioja Alavesa, Rioja Alta, Rioja Oriental, Rueda, Serranía de Ronda, Sierra de Francia, Somontano, Txakoli, Utiel-Requena e Yecla.