23 Set 2026 A 15K do Atlántico volve bater récord de participación
A proba celebrarase este domingo 27 de setembro con preto de 1.200 participantes e unha importante vertente solidaria
A 15K do Atlántico volve este domingo 27 de setembro cunha nova edición de récord con 1.200 participantes e unha improtante vertente solidaria. A proba foi presentada este martes na explanada do porto da Guarda e reuniu a representantes dos tres municipios polos que transcorre a carreira (O Rosal, A Guarda e Oia), xunto a membros da organización e do principal patrocinador dunha cita consolidada dentro do calendario de carreiras populares de Galicia.
As autoridades participantes coincidiron en destacar a proxección que a carreira dá aos seus respectivos concellos, fomentando non só o deporte, senón tamén o turismo e a gastronomía da zona. O concelleiro de Deportes do Rosal, José Carlos Martínez Crespo, felicitou á organización pola «idea de integrar desde hai algunhas edicións a distancia máis curta realizando a saída desde Portecelo, co que o noso Concello gañou en presenza».
Entre as novidades están no cambio na carreira pola alta participación, que facía a saída moi estreita, así como a modificación tanto da Mini 15K como da andaina, que amplían as súas distancias a 8 e 14 km, respectivamente. Ademais, a a festa finalizará cun cóctel solidario e a actuación do grupo “Plan B” no Auditorio de San Benito da Guarda.
Durante a presentación, a flamante medallista europea de 3.000 m obstáculos, Alice Pinot, lembraba os seus inicios neste tipo de carreiras: «Cando cheguei a Galicia, namoreime das súas paisaxes e empecei a correr para desconectar». Agora xa como profesional, acode, cando a súa preparación llo permite, a eventos como a 15K, na que gañou en 2018.
Pola súa banda, a guardesa Eva Piñel, gañadora da categoría feminina na edición de 2025, dicía que intentaría revalidar a vitoria, «aínda que arrastro unhas molestias que non me permiten estar ao 100 %».
Pechaba o acto Ivonne Pousa, mánager na zona norte de Banco Mediolanum, principal patrocinador privado: «Hai 13 anos non imaxinabamos poder chegar a estas cifras de participación e, aínda que Banco Mediolanum cambiou a súa estratexia de patrocinios, aquí non podemos deixar de estar».
Resaltaba que os seus eventos sempre van unidos a unha causa solidaria e que «aquí, desde hai tres anos, facémolo con Un Sorriso que Ilumine O Mundo para dar visibilidade á loita contra o cancro de páncreas e manter vivo o legado de Dani González».
A iniciativa estará vinculada novamente a ACANPAN, Asociación Cancro de Páncreas, e permitirá colaborar máis alá da participación deportiva mediante diferentes accións.
En 2025 recadáronse máis de 5.000 euros e a organización márcase como obxectivo superar esa cantidade nesta nova edición. Entre as iniciativas previstas figuran a Fila 0, a venda de merchandising e un aperitivo solidario.
A XIII 15K do Atlántico volverá así converter o próximo 27 de setembro a costa entre Oia e A Guarda nun gran escenario deportivo, con O Rosal como parte fundamental dun percorrido que combina carreira popular, paisaxe, convivencia e solidariedade.