A AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL VISIBILIZA O PAPEL DA MULLER NAS ARTES NO SEU CONCERTO DE SANTA ICÍA

A actuación será este 25 de novembro ás 19.00 horas no auditorio municipal e contará con moitas sorpresas

A Agrupación Musical do Rosal visibiliza o papel da muller nas artes no seu concerto de Santa IcíaA Agrupación Musical do Rosal prepara xa os seus instrumentos para o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha actuación que este ano se converterá no acto central da conmemoración  no Rosal do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Baixo o título ‘Con nome de muller’ e a dirección de Javier Alonso, a Agrupación prepara un espectáculo con moitas sorpresas que servirá para visibilizar o papel das mulleres nas artes, especialmente na música.

O programa seleccionado para a ocasión deleitará ao público asistente e contará como prato forte cunha obra extraordinaria pola súa dificultade e beleza, ‘El Jardín de Hera’, do mestre José Suñer. Este compositor valenciano de recoñecido prestixio, escribiu esta obra no ano 2015 e dende entón converteuse nunha referencia dentro da literatura para banda en todo o mundo. Momentos dunha factura lírica excepcional intercalados con pasaxes técnicas extremas farán que esta obra de arte se transforme nunha viaxe sensorial para todo o público asistente, viaxe na que se demostrarán as capacidades técnicas dos compoñentes da Agrupación Musical do Rosal.

O concerto contará ademais con pezas como ‘Carnaval’, da compositora americana Julie Giroux, que porá o broche de ouro ao concerto. Esta peza final, cunha linguaxe fresca e divertida, fará as delicias das persoas asistentes, así como dos e das 80 artistas que formarán sobre o escenario.

A Agrupación Musical do Rosal tamén promete sorpresas no seu tradicional concerto de Santa Icía, como a aparición en escena de Irene Ruiz, unha extraordinaria violinista que porá a súa delicadeza e excelencia ao servizo do espectáculo para crear un momento de sublime calma.

O público poderá desfrutar desta espectacular concerto que promete grandes emocións o propio sábado 25 de novembro ás 19.00 horas no auditorio municipal do Rosal. A entrada será de balde.