A área do polígono supramunicipal do Rosal e A Guarda estará definida en marzo de 2024

A ÁREA DO POLÍGONO SUPRAMUNICIPAL DO ROSAL E A GUARDA ESTARÁ DEFINIDA EN MARZO DE 2024

A xerente de ‘Suelo Empresarial del Atlántico’, a alcaldesa do Rosal e o concelleiro de Infraestruturas da Guarda mantiveron un encontro para definir os seguintes pasos a dar

Tras a definición da área do proxecto definitivo procederase á sinatura dos convenios entre SEA, Zona Franca e concellos

Novo pulo ao polígono supramunicipal da Guarda e O Rosal. A xerente de ‘Suelo Empresarial del Atlántico’ (SEA), Beatriz Sestayo, visitou este martes o Concello do Rosal para estudar coa súa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Infraestruturas da Guarda, Isidro Lomba, os prazos que marcarán o arranque definitivo desta zona empresarial que será un revulsivo económico na zona e permitirá atraer investimentos tanto de Galicia como do norte de Portugal.

Durante os vindeiros catro meses realizarase unha ampliación do estudo de viabilidade realizado sobre este polígono supramunicipal para buscar a forma de tramitación máis áxil, ben seguindo a canle actual ou a través da nova Lei de Áreas Empresariais de Galicia, e para tentar ampliar ata nun 20% os 260.000 metros cadrados de solo empresarial previstos inicialmente. En marzo de 2024 prevese presentar o proxecto definitivo do polígono supramunicipal entre O Rosal e A Guarda, paso previo á sinatura do convenio entre SEA, Zona Franca e ambos os dous concellos, que marca o compromiso económico de todas as entidades.

“Estamos ante unha zona estratéxica para investir, cun tecido empresarial moi característico, cunha identidade propia, o que sabemos que posibilita o éxito de determinadas áreas empresariais. E temos que aproveitar esa dinámica do Baixo Miño e do sur de Galicia, esa proximidade con Portugal, para atraer novas empresas que teñan no territorio o necesario para non ter que ir desenvolverse ao país veciño”, salientou a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.

A área do polígono supramunicipal do Rosal e A Guarda estará definida en marzo de 2024A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, amosou a súa ilusión ante a posta en marcha do polígono supramunicipal “que facilitará a ordenación territorial necesaria e permitirá dispoñer dunha zona no que continuar co desenvolvemento económico sostible medioambientalmente da contorna. Porque esa capacidade de atraer tecido empresarial é clave para dar á veciñanza a oportunidade de asentarse nos nosos municipios”. A rexedora quixo salientar tamén que o desenvolvemento desta zona empresarial “conta cun escenario idóneo, os fondos europeos NextGenerationEU, aos que poderemos optar para cofinanciar este proxecto”.

Pola súa banda, Isidro Lomba amosou o compromiso do Concello da Guarda para seguir adiante co desenvolvemento do polígono supramunicipal durante o encontro con representantes do tecido empresarial este martes no Rosal. No encontro tamén participou Antonio Quintela, avogado urbanista de SEA, que resolveu as posibles dúbidas xurdidas entre todas e todos os participantes.

‘Suelo Empresarial del Atlántico’ S.L, S.M.E., é unha sociedade creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia que está participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través de Sepes; nun 15,91% pola Xunta de Galicia e nun 1,65% por ABANCA. A entidade ten xa en propiedade máis de 45.000 metros cadrados dos previstos no proxecto sectorial elaborado en 2007 e que está en proceso de actualización.