A Asociación de Maiores do Rosal toma partido contra a violencia de xénero

A ASOCIACIÓN DE MAIORES DO ROSAL TOMA PARTIDO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Membros da asociación son os protagonistas dunha nova edición desta exposición organizada polo Concello ao abeiro do 25N e que xa pode visitarse na Casa Consistorial

O Rosal amosa un ano máis o seu máis firme rexeitamento á violencia contra as mulleres e a calquera tipo de agresións. Neste camiño, ao abeiro da programación porta en marcha en conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello puxo en marcha unha nova edición da exposición ‘Eu tomo partido, e ti?’. Nesta ocasión os e as protagonistas da mostra son as e os integrantes da Asociación de Maiores do Rosal, que posan ante a cámara cun encerado coa ‘Eu tomo partido contra a violencia de xénero’ escrita.

Nesta ocasión son trece persoas as que dan a cara para sumarse a un proxecto co que se pretende loitar, concienciar e visibilizar a problemática da violencia exercida contra as mulleres: Conchi Balboa, Aurora Rodríguez, Victoria Rodríguez, Teresa Rodríguez, Rocío Fernández, Rufina Rivero, Manolo Fernández, Carlos Álvarez, Luis Ferreira, Carmen Sousa, Lucía Gándara, Antolina González e María Rodríguez. O Concello quere agradecer a colaboración da Asociación de Maiores do Rosal nesta iniciativa, así como a súa implicación coa vida social e cultural do municipio.

No proxecto ‘Eu tomo partido, e ti?’ levan participado deportistas locais, profesorado dos centros educativos rosaleiros, xogadores do Valinox Novás, integrantes da Agrupación Musical do Rosal ou a directiva do Club Ciclista do Rosal. “Para nós é un orgullo contar con veciñanza tan implicada e con ganas de colaborar con nós para seguir revolucionando mentes cada día do ano, porque a eliminación da violencia contra as mulleres é un traballo continuo e diario de visibilización e sensibilización no que debemos involucrarnos todas e todos como sociedade”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A mostra pode visitarse ata o 9 de decembro na Casa Consistorial.