A AUDITORÍA INDICA QUE O ROSAL TEN UNHA MARXE DE MELLORA DO 55% NO AFORRO ENERXÉTICO

Presentada a auditoría que analizou a situación actual do municipio e propuxo algunhas medidas para seguir camiñando cara a eficiencia enerxética

O Rosal continúa dando pasos cara un modelo de consumo enerxético municipal sostible. Esta semana o equipo redactor presentou á alcaldesa, aos concelleiros e a técnicos municipais os resultados da auditoría enerxética do concello, un estudo integral dos aspectos técnicos e económicos que afectan directa ou indirectamente ao consumo enerxético dos edificios municipais e da iluminación exterior.

Esta análise, que tiña por obxectivo establecer un conxunto de reformas e melloras encamiñadas a un uso racional da enerxía, desvelou que o concello ten unha marxe de mellora a medio prazo que pode supoñer ata un 55% de aforro enerxético con respecto ao consumo actual e, por tanto, de custo económico. “Non se trata de repoñer ou mudar luces, senón de mudar por completo o sistema dunha forma estratéxica e planificada. E non o facemos só por unha cuestión de eficiencia económica e de consumo, senón tamén por criterios éticos e de compromiso co medio ambiente”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A auditoría propón medidas de mellora do sistema de alumeado público do concello conta con 2.814 puntos de luz, a maioría deles luminarias viais, cunha potencia total instalada de 280,21 kW. Así mesmo, tamén se propoñen melloras para os edificios municipais relativas a xanelas, á envolvente térmica das fachadas, aos actuais sistemas de calefacción e ao emprego de enerxías alternativas.

Este traballo representa un primeiro paso dunha estratexia planificada, a medio e longo prazo, para mudar por completo o consumo enerxético do concello, e que precederá a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) co fin de establecer un modelo de consumo eficiente e sustentable no “Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía”, ao que está adherido o Concello do Rosal. A auditoría tivo un custo total de 16.552,80€, subvencionados nun 50% ao abeiro da convocatoria do Plan de Compensación ambiental da Consellería de Presidencia e no outro 50% con fondos propios do concello.