A CASA CONSISTORIAL DO ROSAL CONTA XA COA SÚA CALDEIRA DE BIOMASA

A recepción deste novo sistema de enerxía limpa suporá un aforro enerxético do 50%

O Rosal camiña con paso firme cara á sostibilidade. O Concello vén de recepcionar as obras de instalación da caldeira de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Casa Consistorial.

“Empregar esta nova fonte de enerxía non só permitirá reducir a pegada de carbono, senón que tamén permitirá un aforro enerxético do 50%”,  sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e engade: “a sostibilidade ambiental é a folla de ruta polo que, dende o Concello, seguiremos traballando e apostando polas enerxías renovables”.

En efecto, con esta acción, que se suma á levada a cabo recentemente na Escola de Pancenteo, o Concello completa a primeira parte dunha transformación integral no sistema de calefacción de todos os edificios públicos rosaleiros, que irá mudando o emprego de combustibles fósiles por outras formas de enerxía máis limpas e respectuosas co medio ambiente. Tras un estudo pormenorizado do estado dos sistemas de calefacción das instalacións públicas, o goberno municipal decidiu comezar a devandita transformación pola Escola de Pancenteo e maila Casa do Concello ao constatar que as súas caldeiras presentaban un estado de maior obsolescencia, moi preto xa do final da súa vida útil.

As obras de instalación da caldeira de biomasa da Casa do Concello contou cun investimento de máis de 94.000 euros, cofinanciados ao 25% con fondos propios do Concello e ao 75% polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.