A Feira do Viño do Rosal abre a inscrición á cata dirixida polo experto Pedro Ballesteros

A FEIRA DO VIÑO DO ROSAL ABRE A INSCRICIÓN Á CATA DIRIXIDA POLO EXPERTO PEDRO BALLESTEROS

A cata dará o pistoletazo de saída á XXX edición da Feira este venres 7 ás 12.30 horas no Restaurante Juan

As persoas interesadas poden xa facer a súa reserva a través dun formulario web. Terá un custo de 10 euros e prazas limitadas

A Feira do Viño do Rosal xa está a ultimar os detalles para celebrar o seu 30 aniversario cunha volta á normalidade e moreas de actividades para todos os públicos. Como ven sendo habitual, a cata comentada dará o pistoletazo de saída a unha feira “na que retomamos esa convivencia que tanto botabamos en falta durante a pandemia e na que haberá viño da DO Rías Baixas subzona do Rosal combinado con moita música, gastronomía e moito lecer para maiores e cativos e cativas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A cata comentada de nove viños será este venres 7 de outubro ás 12.30 horas no Restaurante Juan e estará dirixida por Pedro Ballesteros, primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis sabe de viño no mundo. Ballesteros é columnista en varios xornais e revistas en España e Bélxica e escribe regularmente para publicacións de viños no Reino Unido e en Italia, traballando en catro idiomas. Ademais, preside algúns concursos internacionais, incluíndo os prestixiosos DWWA de Decanter, 5Stars de Vinitaly, Concours Mondial Bruxelles ou Bacchus, entre outros.

Activo nos campos de promoción e educación, Ballesteros é membro do Consejo do Instituto Master of Wine, da xunta directiva da Unión Española de Catadores, do Consello da Federación Internacional de Xornalistas de Viño, do Comité Vino del Basque Culinary Centre, así como mebro da Gran Orde de Cabaleiros do Viño. Entre os seus últimos traballos bibliográficos destaca o seu libro ‘Comprender o viño’, unha obra na que Pedro Ballesteros proponse axudarnos a coñecer e entender os principais caldos españois, xa que para el os viños contan o pasado máis ou menos recente, pero tamén poden apuntarnos algo sobre o futuro, as súas posibilidades e as súas saídas comerciais.

As persoas interesadas en participar na cata comentada deberán inscribirse previamente a través dun formulario web. A participación nesta actividade terá un custo de 10 euros por participante e tras a inscrición a organización contactará coas 30 primeiras persoas inscritas para xestionar a recepción e validación da transferencia obrigatoria para o acceso á cata. Para calquera dúbida as persoas interesadas poderán poñerse en contacto a través do teléfono 619 960 240 ou do correo electrónico confrariavinorosal@gmail.com.