11 Mai 2026 A Feira do Viño do Rosal acada o certificado de Festa Sotible de Galicia Suroeste 2025
O Rosal acolleu o acto de entrega das Certificacións Festa Sostible de Galicia Suroeste ás festas que obtiveron a distinción durante o pasado ano 2025
A Feira do Viño do Rosal acadou o certificado de Festa Sostible de Galicia Suroeste 2025 polo seu compromiso co medio ambiente. O certificado foi entregado hoxe nun acto que reuniu no Centro Social La Liga de Amigos do Rosal a representantes institucionais, comisións organizadoras e entidades participantes para poñer en valor o avance cara a un modelo de eventos máis responsables.
Durante a xornada entregáronse ás certificacións ás festas participantes para recoñecer o traballo realizado polas festas adheridas e o seu compromiso coa implantación de boas prácticas ambientais para reducir o impacto das celebracións, especialmente no ámbito da prevención e xestión de residuos, o uso eficiente dos recursos e a promoción de produtos locais e de proximidade.
Xunto coa Feira do Viño do Rosal, acadaron a certificación Festa Sostible de Galicia Suroeste a Festa da Lagosta e a Cociña Mariñeira de A Guarda; a Festa da Chanfaina e a Carne do Suído de Fornelos de Montes; a Festa do Xurelo Asado de Chaín en Gondomar, a da Empanada de Pan de Millo de Mos; a Festa da Carne de Potro de Torroña en Oia; a Festa do Choco de Redondela; a Festa da Ostra de Arcade en Soutomaior; o Entroido de Goián en Tomiño; a Festa da Cacheira en Pazos de Borbén, o Encontro de Viños da Raia de Tui, e a Festa da Arribada de Baiona, que obtivo a distinción na edición celebrada este mesmo ano.
As festas que revalidaron o seu distintivo por segundo ano consecutivo, e que ademais de manter os compromisos asumidos na primeira edición do programa, incorporaron novas accións para mellorar aínda máis a súa sustentabilidade foron a Festa dos Ovos Fritos con Chourizo de Parada en Nigrán e a Festa dos Callos do Porriño.
Ao longo do acto destacouse que o programa permitiu avanzar na incorporación de medidas concretas adaptadas á realidade das festas gastronómicas do territorio, favorecendo cambios prácticos na organización dos eventos e xerando unha dinámica de mellora continua.
Tamén se puxo en valor o papel das comisións organizadoras, cuxo esforzo foi clave para integrar criterios ambientais en celebracións con gran arraigamento social e cultural, demostrando que tradición e sustentabilidade poden avanzar da man.
Co acto celebrado no Rosal, o programa reforzou o seu papel como instrumento para impulsar un cambio real na organización de eventos no territorio, promovendo unha cultura baseada na responsabilidade, no coidado do entorno e na mellora ambiental das festas.
O programa Festa Sostible de Galicia Suroeste desenvólvese no marco PSTD A Despensa de Galicia, financiado con fondos NEXT GENERATION-UE.