A FEIRA DO VIÑO DO ROSAL ESTREA PÁXINA WEB E TENDA EN LIÑA

A web feiradoviño.gal artellará toda a programación virtual desta XXVIII edición e nela o público poderá mercar botellas ou packs cos que desfrutar da feira dende as súas casas.

Arranca ‘Viño-experiencia’, un concurso a través das redes sociais co que se invita ás persoas a enviar fotos desfrutando dos caldos da comarca.

A Feira do Viño estrea páxina web. Dende hoxe mesmo o público poderá informarse e desfrutar de todo o que acontece e acontecerá na XXVIII edición da feira a través de feiradoviño.gal, unha páxina que artellará toda a programación virtual e a propia tenda en liña na que se poderán mercar aos mellores prezos viños con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Val Miñor.

A Feira presenta unha web atractiva, dinámica e intuitiva na que o público atopará de xeito sinxelo e rápido todo o que busca, dende a compra de caldos ata distintas actividades complementarias ao evento. Dende ela tamén poderá seguirse comodamente dende a casa acompañado de familia e amigos e desfrutando dun dos viños da feira toda a programación:

  • Vernes 17 de xullo
    • 20.00 h. Pregón da Feira do Viño 2020 co enólogo Luis Paadín.
    • 20.30 h. Inauguración da Feira do Viño coas intervencións de Enrique Costas, presidente da Confraría Cabaqueiros de Viños do Rosal; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.
    • 22.00 h. Concerto de regueifas a cargo de Luis Correa, O Caruncho, e Benito Lobariñas.
  • Sábado 18 de xullo
    • 20.00 h. Maridaxe showcooking da man do chef Iván Méndez e dos enólogos Luis e Alejandro Paadín.
    • 22.00 h. Concerto do grupo Fanfarria Takicardia.
  • Domingo 19 de xullo
    • 12.00 h. Cata comentada co enólogo Luis Paadin.
    • 20.00 h. Anuncio fotos premiadas do concurso ‘Viño-experiencia’.

Concurso ‘Viño-experiencia’

A pesar de non ter este ano edición presencial, a Feira do Viño 2020 quere involucrar a todas as persoas que cada ano se achegaban ao Rosal para desfrutar dela. E para fomentar a celebración da feira aínda que sexa de xeito deslocalizado, a organización pon en marcha o concurso ‘Viño-experiencia’, un certame a través das redes sociais que busca recoller fotos e imaxes dos veciños e veciñas vivindo a experiencia de degustar un bo viño D.O. Rías Baixas subzona O Rosal.

A través dunha plataforma conectada a Facebook as persoas interesadas en participar poderán enviar fotos que reflictan o que é para eles desfrutar do viño nos seus fogares, no xardín, con amigos, coa familia… e como desenvolven, traballan e viven a experiencia do viño. As fotos tamén poderán enviarse a través de correo electrónico a info@feiradoviño.gal poñendo no Asunto: Concurso ‘Viño-Experiencia’ e enviando nome e apelidos, teléfono de contacto e cidade. As imaxes gañadoras elixiranse por votación popular a través da mesma plataforma. A votación pecharase unha hora antes de anunciar as imaxes gañadoras.

Entregarase un primeiro premio consistente nun pack cunha selección de 9 botellas de viño do Rosal e unha experiencia de enoturismo para dúas persoas a elixir entre adegas sinaladas e dous segundos premios consistentes un pack con 9 botellas de viño para cada un, unha de cada unha das adegas participantes na Feira do Rosal.