14 Nov 2023 A FORZA DOS ELEMENTOS, GAÑADORA DO CONCURSO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO ROSAL
Xavi Brey Domínguez, alumno de 4ºB de Primaria do CPI Manuel Suárez Marquier, triunfa coa súa proposta, que se plasmou en bolsas de tea
Dar pulo ao galego dun xeito gráfico e orixinal. Ese era o obxectivo da convocatoria que o Concello do Rosal realizou entre o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e que buscaba atopar un deseño creativo co ilustrar bolsas de tea que xa se repartiron entre toda a rapazada. O resultado foron unha morea de propostas visuais únicas entre a que destacou a de Xavi Brey Domínguez, estudante de 4ºB de Primaria e gañador do concurso con ‘A forza dos elementos no galego: encantamento, auga, terra, vento’.
O seu deseño, que agora xa adorna as bolsas de tea, “transmitirá unha mensaxe de orgullo e identidade lingüística”. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia “de fomentar a creatividade e visibilidade do galego dun xeito diferenciador, especialmente entre a cativada. Encántanos ver a implicación da comunidade educativa e a gran acollida de proxectos coma este que forzan unha conexión máis profunda coa nosa lingua”.
Xunto coa bolsa de tea, como recoñecemento á súa contribución, Xabier Brey tamén recibiu un agasallo especial, un encerado branco magnético e rotuladores para que continúe explotando a súa creatividade na casa.
O certame foi financiado a través dunha convocatoria para a promoción do uso da lingua galega dende o ámbito local da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.