A INFANCIA DE ROSALÍA DE CASTRO CHEGA AO TEATRO EN O ROSAL

O Auditorio Municipal recibe o domingo ás 19.00 horas unha obra para público infantil que mostrará que a poeta galega “tamén foi unha nena que cantaba e xogaba”

María Rosalía Rita, ou Rosalía de Castro, tamén foi unha nena. As biografías non o contan, pero a poeta galega tamén foi unha cativa que cantaba, que lía, que comía chocolate, e que tamén xogaba. Este é o punto de partida da obra “Rosalía”, que Culturactiva presentará o vindeiro domingo ás 19.00 horas no Auditorio Municipal do Rosal. “Con esta obra temos a oportunidade de coñecer a infancia da voz poética máis importante da nosa historia”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández, á vez que lembra a veciñanza que “a entrada é de balde ata completar aforo”. 

A Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro é a protagonista desta peza de teatro, e será ela mesma a que lle conte aos nenos e nenas que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre  a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor. Esta obra vai dirixida nenos e nenas de idade primaria, pero tamén as súas familias, é froito do traballo dunha equipa de mulleres cunha grande experiencia no teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia. Dirixe a peza actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsábel de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís. Dúas actrices forman o reparto, Rocío González e Cristina Collazo, as dúas imprescindíbeis nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.

Esta representación forma parte da programación do outono do Rosal, onde o teatro ten un gran protagonismo. “Rosalía”, será a segunda das catro representacións que pasarán polo Auditorio Municipal. O 14 de novembro chegará “Estrela do Día” ás 19.00 h e, finalmente, o domingo 28 “A pluma viva de Rosalía” rematará o ciclo teatral tamén ás 19.00 h.