A IV Mostra de Cinema do Rosal estrea os seus premios ás mellores curtametraxes

A IV Mostra de Cinema do Rosal estrea os seus premios ás mellores curtametraxes

Organizada pola asociación Ghorghalado, o festival celebrarse do 7 ao 11 de agosto con moitas novidades 

Ata o momento xa se inscribiron para participar na mostra máis de 600 curtas de 32 países

 

Butacas e flocos de millo listos para celebrar a IV Mostra de Cinema do Rosal, un festival organizado pola asociación Ghorghalado coa colaboración co Concello que busca achegar ao público rosaleiro unha oferta cinematográfica difícil de atopar nos circuítos habituais. Este ano a mostra celebrarase do 7 ao 11 de agosto nos xardíns da casa rural Abadía de Eiras con proxeccións como sempre de balde e moitas novidades.

Nesta edición o festival estrea os seus premios ás mellores curtametraxes en cada unha das modalidades a concurso, incluíndo un premio do público á mellor curta. Así, as pezas participantes na Mostra de Cinema poderán competir por acadar a dotación económica e a figura Ghorghalado do premio do xurado á mellor curtametraxe, do público á mellor curta, do xurado ao mellor guión, do xurado á mellor actuación feminina ou masculina e do xurado á mellor fotografía. Este xurado estará composto por xente do mundo da cultura, do cinema e membros da asociación organizadora.

Estes premios nacen con gran éxito de participación, xa que a falta dunhas semana para que remate o prazo de presentación xa se inscribiron máis de 600 curtas de 32 países, a inmensa maioría cunha alta calidade. Ademais de pezas de Galicia e do resto de España tamén se recibiron curtas de Brasil, Irán, Corea do Sur, os Estados Unidos, Francia, China, Arxentina ou Finlandia, entre outros moitos países.

Non serán as únicas novidades da cuarta edición da Mostra de Cinema do Rosal. Como en edicións anteriores, as proxeccións serán ao aire libre, sinal de identidade do festival, polo que comezarán despois do solpor e acabarán preto da media noite. A festa arrancará o mércores 7 de agosto coa proxección das curtas de concurso seleccionadas ata o sábado. O domingo 11 será a entrega de premios.

Non obstante, durante o mes de xullo haberá proxeccións de curtas fóra de concurso en diferentes localidades da contorna e actividades complementarias como exposicións en diferentes puntos. Ademais, a Mostra de Cine do Rosal comezará e rematará con actuacións musicais.

Pódese consultar a información completa e actualizada do festival na web da Mostra.