
02 Abr 2025 A Mancomunidade do Baixo Miño reclama máis recursos para a atención temperá ante a alta demanda
Rexedoras e rexedores dos concellos do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda reuníronse coa Directora Xeral de Persoas con Discapacidade para trasladarlle a urxencia de reforzar o servizo, que xa conta cunha lista de agarda de máis dun ano
Alcaldesas e alcaldes do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda, pertencentes á Mancomunidade do Baixo Miño, mantiveron unha xuntanza coa Directora Xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, co obxectivo de trasladarlle a situación actual do servizo de atención temperá na comarca. Na reunión participou tamén Álvaro García, coordinador do servizo de atención temperá de COGAMI.
Dende marzo de 2024, o servizo atendeu 227 familias, pero a elevada demanda provocou que 45 familias estean en lista de agarda, cun tempo de espera que supera o ano, afectando a crianzas de 0 a 6 anos que necesitan intervención especializada. Segundo os estudios realizados nestes servizos, estímase que o 10% da poboación infantil precisa atención temperá, porcentaxe que acada tamén na Mancomunidade do Baixo Miño.
O servizo dispón actualmente de cinco profesionais, non todas a xornada completa, especializadas en psicoloxía(1,5), logopedia (2) e fisioterapia, unha dotación insuficiente para cubrir a demanda existente. Ante esta situación, os representantes municipais solicitaron á Xunta de Galicia un reforzo do servizo con sete profesionais a xornada completa, para prestar o servizo en dúas ubicacións, sumando ás actuais en Tomiño un novo espazo dispoñible no concello de Tui.
O presidente da Mancomunidade, Enrique Cabaleiro dixo que “a Mancomunidade fai unha aposta importante por achegar este servizo de Atención Temperá á veciñanza do Baixo Miño porque considerámolo esencial para o benestar das nosas familias, mais precisamos unha resposta da Xunta de Galicia, o organismo competente, para que non haxa listas de agarda e poder manter así a calidade do servizo”.
A Directora Xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, manifestou a súa receptividade ante as necesidades expostas e comprometeuse a avaliar as posibilidades de ampliación do financiamento destinado ao servizo para garantir unha mellor cobertura das familias que precisan atención temperá.