
22 Xan 2025 A nova Oficina da Enerxía do Rosal nace co obxectivo de promover a creación de comunidades enerxéticas locais
Grande acollida do público no acto inaugural deste novo espazo co que o Concello convértese en referente en sostibilidade
O Rosal deu un novo paso cara ao seu futuro enerxético. O Concello inaugurou este martes a Oficina da Enerxía cun acto celebrado no Salón de Exposicións no que participaron decenas de rosaleiros e rosaleiras. Este espazo nace co claro obxectivo de promocionar un modelo enerxético que resulte máis sustentable e participativo, promovendo a creación de comunidades enerxéticas locais.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, abriu o acto dando a benvida a todas as persoas asistentes e salientando a importancia dunha iniciativa así no contexto municipal, amosando a súa seguridade de que esta Oficina da Enerxía converterá ao concello nun referente na comarca a nivel de transformación enerxética. “Con este espazo daremos ferramentas á veciñanza para participar activamente na creación dun modelo enerxético máis sostible, xusto e respectuoso co planeta”, salientou a rexedora, que subliñou que esta iniciativa forma parte da visión estratéxica do Concello para avanzar cara a unha sostibilidade integral no Rosal.
A alcaldesa destacou a importancia de traballar de forma transversal para unha xestión máis sostible e eficiente que leve a un uso de enerxía limpa e a un aforro enerxético que tamén suporá un aforro económico para o Concello e para a veciñanza, dando novos pasos para afrontar as continuas subas de prezos. Neste sentido, sinalou “a relevancia de fomentar proxectos que permitan, ao igual que facemos no caso da auga, ser xestores e creadores da nosa propia enerxía, sempre dende unha perspectiva colectiva e non como unha decisión individual”.
Fernández Callís animou a toda a veciñanza, asociacións e entidades locais a implicarse neste proxecto, subliñando que “iniciativas como esta son un incentivo para mellorar a calidade de vida tanto das persoas residentes como de futuros novos veciños e veciñas” e reafirmando que “a sostibilidade e a innovación son piares fundamentais do futuro do noso municipio”.
Pola súa banda, o coordinador da Oficina da Enerxía, Rodrigo López, detallou os servizos que ofrecerá este espazo, que incluirán asesoramento, formación e acompañamento en todos aqueles proxectos que estean relacionados coas enerxías renovables e coa eficiencia enerxética. Ademais, pormenorizou os obxectivos que se perseguen con esta oficina, que buscará reducir o impacto ambiental, así como as vantaxes e beneficios para a cidadanía.
Durante o evento, o doutor en Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo Xavier Simón Fernández deu a coñecer as claves do proxecto EC4RURAL, unha iniciativa orientada a promover a transición cara a enerxías limpas nas áreas rurais. Simón entregou unha distinción en forma de placa á recentemente creada Oficina da Enerxía, recoñecendo o seu valor como modelo de innovación no ámbito enerxético.
Entre os proxectos presentados durante o encontro destacou ‘O Rosal Enerxía’, unha iniciativa impulsada polo Concello que busca a creación dunha comunidade enerxética na zona baixo o modelo de asociación se ánimo de lucro. Ademais, durante a presentación abriuse unha rolda de preguntas para que as persoas asistentes resolvesen as súas dúbidas sobre o funcionamento deste proxecto e os pasos necesarios para participar.
A nova Oficina da Enerxía estará situada no Centro Social Polivalente do Rosal e contará cun horario de atención ao público de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas a través do teléfono 677 73 73 21 ou do correo electrónico oficina@enerxia.eu. Ademais, a oficina tamén abrirá de forma presencial os xoves neste mesmo horario, para o que é recomendable solicitar cita previa. “Queremos que este espazo sexa unha ponte de colaboración entre o Concello, a veciñanza e as entidades locais para impulsar un futuro máis sostible para todas e todos”, concluíu a alcaldesa.