A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal chama á veciñanza a participar na manifestación do 12 de maio en Vigo

A PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DO ROSAL CHAMA Á VECIÑANZA A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN DO 12 DE MAIO EN VIGO

A cita foi convocada para ás 20.00 h por SOS Sanidade Pública baixo o lema ‘Salvemos a Atención Primaria. Recuperemos a sanidade pública’

A Mancomunidade do Baixo Miño pon a disposición da veciñanza autobuses de balde para asistir

A atención sanitaria no Rosal atópase nunha situación cada vez máis precaria. Lonxe de solucionarse os problemas xurdidos na atención primaria, despois de meses de denuncias e protestas institucionais e cidadás, dende a Consellería de Sanidade non se teñen dado pasos significativos cara a unha solución e a situación non ten visos de mellorar no futuro, xa que a Xunta de Galicia adoptou unha estratexia de cronificación do estado precario da atención sanitaria no concello.

Ante esta situación, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, formada por representantes do Concello, persoal sanitario, representantes do asociacionismo e da sociedade rosaleira en xeral, amosan o seu total apoio á manifestación do vindeiro 12 de maio en Vigo. A protesta, convocada por SOS Sanidade Pública baixo o lema ‘Salvemos a Atención Primaria. Recuperemos a sanidade pública’, sairá ás 20.00 horas dende o PAC de Vigo, na rúa Pizarro.

No Rosal a situación é límite: o municipio continúa sen servizo de pediatría, coa consulta de San Miguel pechada e mantendo unha cobertura deficiente do resto do persoal facultativo. As baixas ou ausencias só se cobren de forma esporádica e segue a haber moitos días nos que só hai unha médica para atender todo o servizo.

Aínda que recentemente o Sergas anunciou a convocatoria dunha cuarta praza de persoal médico para O Rosal, unha demanda histórica no concello, non convocará unha praza de enfermería asociada, o que pode provocar unha sobrecarga das axendas de enfermería. Ademais, a creación desta praza implicaría a desaparición permanente do servizo de pediatría debido á falta de espazos no centro de saúde.

Por todas estas razóns, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal chama á veciñanza a sumarse e participar na manifestación do vindeiro xoves. A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño ten a disposición dos veciños e veciñas autobuses de balde para poder desprazarse a Vigo e asistir á manifestación. As persoas interesadas deberán inscribirse e reservar praza chamando ao teléfono 986 625 000.