A Praza do Calvario acollerá este xoves circo e acrobacias co espectáculo “Jacuzzi”

Esta obra, da compañía NiMú, chega ao Rosal dentro do programa “Tardeos na Praza”

 Non fan falta palabras para emocionar, como poderán comprobar as rosaleiras e os rosaleiros o vindeiro xoves 1 de agosto.

A compañía Nimú presentará a súa obra “Jacuzzi”, na que a través dunha habilidade exemplar do teatro xestual e da manipulación de obxectos, a circense Xandra Gutiérrez demostrará aos asistentes a súa capacidade para desafiar a lei da gravidade camiñando con destreza sobre unha corda frouxa.

Este espectáculo para tódolos públicos, que dará comezo ás 20.30 h e durará uns 40 minutos, conquistará a pequenos e maiores, transportándoos ao mundo de Nimú nunha combinación perfecta de teatro, corda frouxa e clown.

A actividade, organizada polo Concello do Rosal, está encadradada dentro do programa “Tardeos na Praza”, no que tamén se inclúen unha proxección de curtametraxes e da película “Barbie” o 22 de agosto e un contacontos a cargo de “Tropa de Trapo” o día 29 do vindeiro mes.