A PRAZA DO CALVARIO ÉNCHESE DE ‘SABOREARTE’

Ata o vindeiro 6 de xullo poderá desfrutarse dunha exposición fotográfica de Adolfo Enríquez coa gastronomía do Camiño Portugués da Costa como fío condutor

A Praza do Calvario énchese dende hoxe mesmo de ‘saborEarte’. Do 28 de xullo ao 6 de xuño os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar desta exposición fotográfica de Adolfo Enríquez coa gastronomía do Camiño Portugués da Costa como fío condutor. A mostra recolle 23 imaxes obtidas no transcurso dun proxecto que se centrou en presentar a gastronomía local como recurso de alto valor para a promoción turística a través de mostras de cociña nas que os produtos de proximidade de cada un dos cinco destinos escollidos foron os grandes protagonistas.

Con esta exposición o público terá a oportunidade de coñecer non só os pratos rematados, senón tamén algunhas instantáneas das xornadas gastronómicas do proxecto que, debido á situación sanitaria, tiveron que celebrarse con aforo pechado e convite previo.

Os eventos que conforman agora a mostra ‘saborEarte’ arrancaba o pasado mes de abril no Rosal, primeiro concello en acoller esta exposición fotográfica itinerante que percorrerá municipios como Soutomaior, Portas, Pontecesures, Padrón e Santiago.

Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a desfrutar desta nova actividade cultural, que ten por obxectivo redundar no valor promocional da fotografía gastronómica tanto a través das imaxes seleccionadas para a exposición como doutras realizadas durante os eventos de ‘saborEarte’. Todas as imaxes estarán a disposición de todas as persoas na web de SaborEarte no Camiño para a súa descarga e libre utilización.