24 Xul 2021 A PRAZA DO CALVARIO, ESCENARIO DE TEATRO INFANTIL, BAILE E MÚSICA DE CINE ESTE DOMINGO 25
A partir das 19 h poderá desfrutarse das actuacións de Os Ghazafellos, de Do Lusco o Fusco e da Banda da Agrupación Musical do Rosal
A programación cultural de verán continúa no Rosal este domingo 25 de xullo con tres novos espectáculos para todos os públicos. A Praza do Calvario acollerá a partir das 19.00 horas tres novas actuacións: unha de teatro infantil, outra de baile e gaitas e un concerto de música de cine. Todas as actividades serán de balde, con prazas limitadas e entrada libre ata completar aforo e con todas as medidas de prevención necesarias ante a actual situación sanitaria para garantir a saúde de todos e todas.
A encargada de inaugurar a tarde de cultura será a compañía Os Ghazafelhos ás 19.00 horas, que presentarán a súa nova proposta de teatro familiar ‘A illa sen tesouro’. Apoiados nunha escenografía dinámica que se transforma nun mesón, nun barco, nunha cova e nunha empalizada, os tres actores e a actriz reinterpretarán os distintos momentos da fabulosa aventura de piratas coa participación activa do público. Música, bailes, pelexas de espadas e toda a acción que se espera deste xénero mesturada con humor e referencias a un clásico literario para toda a familia.
Tras o teatro infantil tomará o relevo o grupo de baile e gaitas De Lusco o Fusco, impulsor do festival folclórico Encontro dos Pobos, e o grupo de baile Agrupación Cultural Ponte Nova, de Salvaterra. Os grupos levarán o folclore tradicional á Praza do Calvario a partir das 20.00 horas.
A Banda da Agrupación Musical do Rosal será a encargada de pechar unha xornada chea de cultura ás 22.00 horas cun concerto de cine. Harry Potter, Indiana Jones, Star Wars… a praza encherase de música de bandas sonoras que irá acompañada da proxección de imaxes. O concerto será ademais a primeira das actividades do proxecto ‘Cocreando Sociedade’, na que a Agrupación Musical do Rosal e as asociacións San Xerome e Avelaíña formarán parte dunha experiencia sensorial. Na actuación as persoas con diversidade funcional ou enfermidade mental poderán experimentar de primeira man e dende o propio escenario o que é participar nunha actuación musical, xa que ocuparán asentos en medio das e dos músicos para unha inmersión total no concerto.