A Praza do Calvario, renovado epicentro da actividade económica e social do Rosal

A PRAZA DO CALVARIO, RENOVADO EPICENTRO DA ACTIVIDADE ECONÓMICA E SOCIAL DO ROSAL

Alcaldesa e presidenta da Deputación de Pontevedra inauguraron este sábado este espazo transformador

“Convertemos a nosa praza nun espazo de calidade, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible”, destacou a rexedora

“Hoxe damos un paso histórico no Rosal. Coa transformación da Praza do Calvario non só cumprimos un gran compromiso, senón que recuperamos o epicentro da nosa actividade económica, social e de convivencia para as persoas. Porque xuntas e xuntos estamos a construír o Rosal das persoas”. Con estas verbas a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, inauguraba este sábado este espazo “mellorado, reformado e recuperado para as persoas con ese mimo, cariño, coidado, historia e posta en valor do patrimonio que merece”.

Foi durante un emotivo acto que contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o seu vicepresidente César Mosquera, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e equipo técnico da Deputación; membros da corporación municipal do Rosal, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e edís;  así como representantes do equipo técnico que desenvolveu o proxecto, representantes das asociacións culturais, sociais e deportivas rosaleiras e da propia veciñanza que desfrutará deste novo espazo que se converterá de novo no centro social, administrativo e económico do Rosal.

Unha Praza do Calvario cunha historia propia na que apoiarse “para avanzar na construción do noso presente e futuro”, historia que fala dunha praza humanizada a finais do século XIX coa sobreira como árbore protagonista, do valor patrimonial de edificios como unha igrexa da época medieval ou un edificio do concello construído no século XVIII. E, como non, da historia dos cabaqueiros, que no novo espazo collen preponderancia. Unha historia que tamén tivo en conta a transformación da praza, na que se empregaron materiais construtivos que preservan e potencian o carácter patrimonial e arquitectónico a través dun deseño unitario, atractivo, flexible, novo e dinámico co que poñer en valor historia e patrimonio.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou a reforma da praza como “modélica” e asegurou que “é un exemplo da reactivación da provincia, tanto pola súa calidade estética como pola súa aposta polos valores históricos e patrimoniais, para ofrecer á veciñanza un espazo de lecer e convivencia”.

Foron en total 1,5 millóns de euros de investimento, dos que a Deputación de Pontevedra achegou case 518.000 euros e o Concello máis dun millón para os que solicitou fondos europeos dos Next Generation a través do IDAE. Unha reforma integral que dota de identidade a zona, reforzando o espazo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, con novos usos e actividades que dinamicen a zona  e cunha sobreira de gran porte pero tamén cunha diversidade de árbores para potenciar a multifuncionalidade da praza, tanto dende o punto de vista estético como para dispor de zonas de sombra.

Ademais, a praza conta cunha iluminación única feita a medida que permite axustala en función das necesidades de cada momento ou cun elemento elevado a modo de escenario que reinterpreta o templete de música que tiña a praza nos anos 20, agora realizado en ladrillo artesán en recordo aos cabaqueiros. Pero ademais de traballar no exterior tamén se transformou e modernizou todo o que non se ve, coa colocación de case 1.700 metros de tubaxe para a renovación e soterramento de canalizacións, redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións, electricidade e alumeado.

“Melloramos e transformamos a nosa praza nun espazo público de calidade e en maiúsculas, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible”, explicou a rexedora, que destacou que “convertemos un aparcamento e unha rotonda no centro neurálxico de interacción social, de convivencia, creando un espazo seguro, amable, saudable, moito máis verde no que potenciar a actividade económica de proximidade, o comercio e o consumo local”.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou así mesmo a relevancia do ReacPon para dotar de recursos aos concellos con este plan extraordinario “cos que mobilizar a economía da provincia, impulsando proxectos maduros que supoñen un compromiso coa mobilidade sostible, co medio ambiente, con infraestruturas modernas e dotacións para que as persoas, vivan onde vivan, desfruten dos mesmos dereitos e servizos”.

O acto inaugural arrancou coa actuación do grupo de baile de Paula Covián e pechouse tras a intervención das autoridades cun concerto da Banda da Agrupación Musical do Rosal.