A primavera chega ao Rosal cargada de creatividade e aprendizaxe para todas as idades

A primavera chega ao Rosal cargada de creatividade e aprendizaxe para todas as idades

O Concello continúa apostando por catro novos obradoiros para os meses de maio e xuño. Como na edición anterior, terán prioridade as e os menores de 30 anos

A primavera chega ao Rosal cargada de creatividade e aprendizaxe para todas as idadesCatro sábados, catro experiencias e infinitas posibilidades de aprendizaxe. O Concello organiza os seus Obradoiros de primavera, catro propostas que encherán sábados de maio e xuño de talleres que mesturan arte, tradición e práctica para todas as idades. Pintura, coiro, cestería e costura centrarán estas actividades organizadas pola OMIX do Rosal que estarán abertas a todos os públicos pero con prioridade para as persoas menores de 30 anos.

O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, salientou que “dende o Concello queremos crear espazos no que a mocidade e a veciñanza do Rosal teñan opcións para explorar a través de diferentes actividades de calidade, aprendendo cousas novas e pasándoo ben durante o proceso. Estes obradoiros son unha oportunidade para abrir portas a novas paixóns e compartir experiencias con outras persoas”.

Os obradoiros arrancarán o sábado 31 de maio cunha actividade de pintura sobre madeira impartido por Leonor Díaz, de Como pez en el agua, para continuar o 7 de xuño coa segunda parte do taller de artesanía en coiro, que celebrou a súa primeira edición nos obradoiros de outono. A aprendizaxe estará guiada por Ana Serra, de Medialúa, unha artesá con máis de 30 anos de experiencia no oficio.

O 14 de xuño a recoñecida e premiada artesá Julia de la Cal, de La Parabólica, impartirá un interesante taller de introdución á cestería con formio. Os Obradoiros de Primavera rematarán o 21 de xuño cun interesante curso de iniciación á costura da man de Vicky, de Academia Confecciona.

González convida a todas as persoas a participar nestas actividades que son “portas abertas á curiosidade e á creatividade. Os obradoiros son tamén unha ferramenta para medrar, expresarse e conectarse nun ambiente próximo, ameno e divertido, algo especialmente importante para a nosa mocidade”.

Os talleres terán un prezo reducido e irase publicando a información relativa a modo de inscrición, horarios, lugares de celebración e custe nos vindeiros días na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello.