A realidade con humor con Fulano, Citano e Mengano este sábado 5 no Rosal

A REALIDADE CON HUMOR CON FULANO, MENGANO E CITANO ESTE SÁBADO 5 NO ROSAL

O recoñecido trío subirá ao escenario do auditorio municipal ás 21.00 horas. Entrada de balde ata completar aforo

O mes de novembro arranca con risas no Rosal. O recoñecido trío Fulano, Mengano e Citano chegan este sábado 5 ao auditorio municipal para facer desfrutar ao público dunha velada agradable, con risas sostidas e contaxiosas. Porque se algo caracteriza a este grupo teatral que leva sobre os escenarios dende 1995 é a súa capacidade para reflectir a realidade e facelo con humor.

Unha longa traxectoria na que percorreron cada recuncho do panorama cultural galego cunhas representacións na que o espectador e a espectadora pasa unha velada moi agradable con historias que invitan á reflexión e amosan unha crítica construtiva sobre as realidades actuais mesturado cun sinxelo traballo de escenificación no que a sátira se une ao humor intelixente en cada obra protagonizada por Marcos Alonso, Suso Pando e Manuel Pombal.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima á veciñanza a gozar dunha tarde de lecer con esta actividade de balde. A representación comezará ás 21.00 horas e será con entrada libre ata completar aforo.