20 Mai 2022 A SELECCIÓN ESPAÑOLA JUNIOR DE BALONMÁN PREPARA O EUROPEO NO ROSAL
As adegas Terras Gauda acolleu a presentación do Torneo Internacional O Rosal da categoría junior masculina de balonmán, que se celebrará do 2 ao 4 de xullo coa participación dos Hispanos Junior. A selección española regresa así á provincia de Pontevedra tras disputar o Campionato do Mundo en 2019, e farao para enfrontarse ás seleccións de Serbia e Montenegro en plena preparación para o Campionato de Europa 2022 que terá lugar en Oporto do 7 ao 17 de xullo.
Na presentación participaron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o presidente da Real Federación Española de balonmán, Francisco V. Blázquez; a deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra, Olga García; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; e o presidente do Acanor Novás Valinox, Andrés Serra.
O presidente da Federación Española resaltou a gran tradición do balonmán na comarca e agradeceu a implicación e colaboración activa do Concello do Rosal, da Deputación de Pontevedra, así como do Atlético Novás e da Federación Galega para traer ao Rosal aos Hispanos Junior, presente e futuro do balonmán.
En vindeiras datas coñecerase o calendario e horarios de xogo, así como información adicional sobre venda de entradas para desfrutar en directo deste torneo.