Expectativas e realidade da maternidade, este xoves nos ‘Cafés en igualdade’ do Rosal

A SEXUALIDADE E A SAÚDE INTEGRAL FEMININA CHEGA ESTE XOVES AOS ‘CAFÉS EN IGUALDADE’ DO ROSAL

A pedagoga e sexóloga Erea Devesa falará do pracer feminino, do desexo, a menopausa e a menstruación. Será o día 27 ás 17.30 h na Daordaria, no espazo anexo do mercado

O Concello do Rosal ten todo listo para celebrar este xoves 27 de abril a cuarta sesión dos seus ‘Cafés en igualdade’, un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese e conversar como se se estivera cun grupo de amigas. “Trátase dunha burbulla de lecer na que abordar diferentes temáticas que permitirán a todas as asistentes gozar dun pequeno balón de osíxeno nesa loita diaria para manter o equilibrio entre a conciliación familiar, laboral e persoal real”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nesta cuarta sesión, a pedagoga e sexóloga Erea Devesa falará sobre a saúde integral feminina, abordando cuestións como a sexualidade e o pracer feminino, o desexo, a menopausa e a menstruación. Especializada en igualdade de xénero e políticas de igualdade, Devesa leva máis de cinco anos dedicándose a traballar pola educación sexual sempre cun enfoque feminista, interseccional e inclusivo cara ás persoas. Actualmente é responsable do programa de educación sexual Con Xeito Sexoloxía, no que traballa para lograr unha igualdade efectiva e unha educación sexual que contemple a diversidade como un valor a protexer.

A charla será este xoves 27 de abril de 17.30 a 18.30 horas na Daordaria, no espazo gastronómico anexo ao mercado municipal do Rosal.

Con esta iniciativa, o Concello programa cada último xoves de mes ata maio interesantes encontros dirixidos a mulleres aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Son encontros dunha hora de duración que se celebran sempre de tarde e en diferentes establecementos hostaleiros do Rosal. A vindeira cita será o 25 de maio para afondar sobre a presión estética.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.