A soidade, a debate nos ‘Cafés en Igualdade’ con Beatriz Arroyo

A soidade, a debate nos ‘Cafés en Igualdade’ con Beatriz Arroyo

A traballadora social e psicoterapeuta afondará sobre este sentimento o xoves 29 ás 17.30 horas no Bar Floro, na Subida a San Vicente (Novás)

O ser humano é, por natureza, un ser social que precisa a outras persoas para establecer relacións persoais que xeren certo benestar. Por este motivo, a soidade non desexada pode ser un dos sentimentos máis difíciles de afrontar. Para afondar na soidade, tanto na elixida como na imposta, o Concello organiza unha nova sesión dos ‘Cafés en Igualdade’, que durante este 2024 están a percorrer os barrios rosaleiros para falar de xeito cómodo e distendido sobre temas de interese e actualidade do máis diversos.

A vindeira sesión celebrarase este xoves 29 de febreiro, na que da man da traballadora social clínica e psicoterapeuta Beatriz Arroyo o público asistente afondará sobre a diferenza entre querer estar ou sentirse só ou soa ou sobre os diferentes tipos de soidades, moitas delas enriquecedoras e favorables para o desenvolvemento persoal. A cita, ás  17.30 horas, trasládase nesta ocasión ao Bar Floro, na Subida a San Vicente, en Novás.

Esta nova tempada dos ‘Cafés en Igualdade’ completarase cunha charla sobre ‘Novas masculinidades’ en marzo a cargo do axente de Igualdade Joshua Mateo; outro encontro sobre a ‘Sexualidade e desexo’ coa pedagoga e sexóloga Erea Devesa en abril e un sobre ‘Ansiedade e estrés’ en maio da man da psicóloga clínica Andrea Iglesias.

Todas as sesións dos ‘Cafés en Igualdade’ serán de balde, os últimos xoves do mes ata maio en horario de 17.30 a 18.30 horas. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.