A transformación da contorna da igrexa das Eiras avanza a bo ritmo

A TRANSFORMACIÓN DA CONTORNA DA IGREXA DAS EIRAS AVANZA A BO RITMO

O Concello dá o primeiro paso para desenvolver na zona un proxecto integral para a recuperación da contorna, poñendo en valor o patrimonio natural e cultural e mellorando espazos para as persoas

O proxecto de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras, avanza a bo ritmo. A obra, posta en marcha hai apenas unhas semanas, busca recuperar unha zona cun elevado valor natural e patrimonial que vai dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas concretas, recuperan o patrimonio cultural e melloran os accesos, camiños e sendas.

O proxecto, redactado contando tamén coas ideas e suxestións achegadas pola veciñanza durante un encontro de participación social, comezou pola mellora da accesibilidade da Igrexa e da súa contorna deteriorada. O obxectivo desta transformación integral é “dar prioridade ás persoas, mellorando as condicións de accesibilidade peonil para reconectar o Miño coa Madalena, creando espazos de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de estancia e lecer”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As obras estanse a realizar con materiais de km0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e semipermeables que melloren a relación entre o medio e as persoas. Ademais, o proxecto construtivo contempla formas e cores inspirados na paisaxe e no propio medio, mellorando así a accesibilidade e difuminándose entre o patrimonio existente.

Entre os traballos que se están a realizar nesta zona inclúese as obras na área intramuros para chegar a cota ata a entrada da igrexa cun ancho camiño que garanta a accesibilidade e a mellora de toda a contorna, facéndoa máis amable e repoñendo os elementos que se atopan en malas condicións. Melloraranse as escaleiras e instalaranse bancos corridos que xeren espazos de convivencia nas inmediacións da igrexa.

A intervención mimetízase en todo momento coa contorna empregando materiais e vexetación propios desta zona en diálogo coa rocha existente, potenciando a súa presenza e mellorando a accesibilidade con espazos de reunión arredor da igrexa e cun camiño completamente accesible paralelo á fachada. En canto á vexetación, crearase un efecto verde perenne que compoña a antesala da subida á Ermida da Madalena, cunhas sobreiras catalogadas como árbores senlleiras, e con texturas que se mimetizarán coas rochas.