24 Ago 2023 ABERTA A LICITACIÓN PARA AS OBRAS DE MELLORA DO CAMIÑO DO OUTEIRO EN TABAGÓN
Pódese consultar toda a información na plataforma de contratación do Estado
O Concello do Rosal ven de sacar a licitación para as obras de mellora do Camiño do Outeiro en Tabagón, que xa está dispoñible na plataforma de contratación do Sector Público. O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 12 de setembro.
Estas obras de mellora na travesía dereita do Outeiro e no Camiño do Outeiro en San Xoán de Tabagón (preto da Igrexa) inclúen traballos de limpeza da superficie do pavimento e asfaltado, así como a limpeza e desbroce das cunetas.
Esta é unha zona de especial sensibilidade patrimonial, pola proximidade da Igrexa parroquial de San xoán, así como a fonte-lavadoiro de Paradela. Nas proximidades do lavadoiro colocarase adoquín de granito, para que o acabado resulte máis coidadoso con este elemento patrimonial, e colocaranse bandas reductoras para que os vehículos minoren a velocidade e, así, mellore a seguridade viaria na zona.
Cun orzamento de máis de 50.000 euros, esta actuación afonda na aposta estratéxica do Concello de mellorar os camiños rurais, para mellorar as infraestruturas viarias, así como reforzar a seguridade de condutores e viandantes nos núcleos de poboación con gran paso de vehículos. As obras están financiadas a través do Plan Marco de mellora de camiños municipais 2023-2024 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).