Abertas as inscricións para o Trail Adventure Muíños do Folón

ABERTAS AS INSCRICIÓNS PARA O TRAIL ADVENTURE MUÍÑOS DO FOLÓN

A proba disputarase o vindeiro 5 de marzo e contará de novo con dúas modalidades con diferente distancia e desnivel

O Trail Adventure Muíños do Folón prepárase para unha nova edición. Xa están abertas as inscricións para participar nesta proba que conta coa colaboración do Concello do Rosal e que o vindeiro 5 de marzo volverá percorrer os espazos naturais rosaleiros “e abrir a todas e todos os participantes os nosos muíños, sinal de identidade de valor patrimonial do noso municipio”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este ano o Trail contará de novo con dúas novas distancias con diferente distancia e desnivel: por un lado a modalidade Adventure, con 12 quilómetros de distancia e 450 metros de desnivel, e a Advance, con 21 quilómetros de percorrido e 950 metros de desnivel.

A proba, que forma parte da liga provincial Pontevedra Trail League, contará con 500 prazas e con ela as persoas participantes percorrerán algunhas das zonas máis emblemáticas da localidade, como os muíños do Folón e do Picón, así como as diferentes fervenzas do río da Cal.

As persoas interesadas poden xa inscribirse en Deporte Ticket, con oferta especial de lanzamento ata o vindeiro domingo 15 de xaneiro. Pode verse toda a información da proba na propia web do Trail Adventure Muíños do Folón.

Ademais, esta edición do trail contará cunha parte solidaria que permitirá dar visibilidade á Asociación galega de Fibrose Quística e haberá unha fila 0 aberta para calquera tipo de doazóns que se queiran ofrecer.