Abertos os procesos selectivos do obradoiro dual de emprego 'O noso patrimonio'

Abertos os procesos selectivos do obradoiro dual de emprego ‘O noso patrimonio’

As convocatorias son para persoal directivo, docente, de apoio e alumnado traballador

Xa está en marcha o proceso selectivo para participar no Obradoiro de Emprego “Roteiros Etnográficos O Rosal-Tomiño”, un proxecto impulsado conxuntamente polos dous Concellos para formar en albanelería e carpintaría a 20 persoas desempregadas que contribuirán á recuperación de bens patrimoniais locais. Este obradoiro, cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, comezará o 2 de decembro, e as solicitudes están dispoñibles nas sedes electrónicas dos dous Concellos.

As persoas seleccionadas como alumnado participarán nunha formación de 1.200 horas que combina teoría e práctica, cun contrato remunerado durante os 9 meses que durará o programa. Ademais do estudantado, os procesos selectivos abranguen a contratación de persoal directivo, docente e de apoio administrativo. A formación realizarase no centro da Mata no Rosal, e incluirá prácticas de restauración en espazos como os Muíños do Folón e do Picón e o Camiño de San Vicente no Rosal ou o muíño e lavadoiros de Goián, en Tomiño.

As persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes de emprego na Oficina de Emprego de Tui, que será a encargada de convocar a todas e todos os aspirantes. Os modelos e anexos editables a presentar en caso de ser seleccionadas ou seleccionados poderán atoparse nas sedes electrónicas municipais.