Afluencia masiva na concentración contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal O Concello seguirá denunciando a precaria situación da sanidade na comarca ante o Sergas e apoiando as novas mobilizacións que convocarán as plataformas cidadás O Rosal, 30 de maio de 2022.- Gran resposta da veciñanza contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal. O pasado venres máis de 700 persoas se concentraron diante do Centro de Saúde rosaleiro para manifestar o seu malestar ante a situación que está a vivir o municipio e que derivou nunha situación grave hai uns días cando chegou unha persoa con necesidade de atención urxente mentres a única médica do centro saíra xunto coa ambulancia para acompañar a outro paciente ao hospital Álvaro Cunqueiro e que rematou co traslado do doente en padiola polo centro urbano ata o helicóptero mobilizado para levalo ao centro hospitalario. Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o Concello “vai seguir denunciando ante o Sergas a precaria situación que estamos a vivir na atención primaria e apoiando todas mobilizacións que convoquen as plataformas cidadás en defensa da sanidade, porque, como se demostrou hai uns días, co continuo desmantelamento estase poñendo en risco a saúde e mesmo a vida da veciñanza”. “No Rosal e na comarca estamos a vivir nunha situación extrema polos recortes. Goberne quen goberne a sanidade, ao igual que a educación, debe ser unha prioridade, xa que garante unha sociedade igualitaria”, recalca a rexedora. Durante a concentración lembrouse que, na actualidade, os tres concellos da comarca, que suman máis de 20.000 habitantes, contan cunha soa ambulancia medicalizada que non só está a unha hora do hospital de referencia e fai servizo soamente ata as 22.00 horas, senón que ademais ten a súa base nun municipio a máis de 50 km. Ademais, nos últimos cinco meses só hai unha médica atendendo ás máis de 6.000 persoas que viven no Rosal e dende o 2021 non se conta con pediatra, o que non só implica unha sobrecarga das dúas pediatras da Guarda, senón que deriva en “demoras na atención e priva aos rapaces e rapazas dunha necesaria atención temperá que permite detectar en tempo adecuado potenciais patoloxías que poden ser graves para o seu futuro”.

AFLUENCIA MASIVA NA CONCENTRACIÓN CONTRA O DESMANTELAMENTO DA ATENCIÓN PRIMARIA NO ROSAL

O Concello seguirá denunciando a precaria situación da sanidade na comarca ante o Sergas e apoiando as novas mobilizacións que convocarán as plataformas cidadás

Gran resposta da veciñanza contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal. O pasado venres máis de 700 persoas se concentraron diante do Centro de Saúde rosaleiro para manifestar o seu malestar ante a situación que está a vivir o municipio e que derivou nunha situación grave hai uns días cando chegou unha persoa con necesidade de atención urxente mentres a única médica do centro saíra xunto coa ambulancia para acompañar a outro paciente ao hospital Álvaro Cunqueiro e que rematou co traslado do doente en padiola polo centro urbano ata o helicóptero mobilizado para levalo ao centro hospitalario.

Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o Concello “vai seguir denunciando ante o Sergas a precaria situación que estamos a vivir na atención primaria e apoiando todas mobilizacións que convoquen as plataformas cidadás en defensa da sanidade, porque, como se demostrou hai uns días, co continuo desmantelamento estase poñendo en risco a saúde e mesmo a vida da veciñanza”. “No Rosal e na comarca estamos a vivir nunha situación extrema polos recortes. Goberne quen goberne a sanidade, ao igual que a educación, debe ser unha prioridade, xa que garante unha sociedade igualitaria”, recalca a rexedora.

Durante a concentración lembrouse que, na actualidade, os tres concellos da comarca, que suman máis de 20.000 habitantes, contan cunha soa ambulancia medicalizada que non só está a unha hora do hospital de referencia e fai servizo soamente ata as 22.00 horas, senón que ademais ten a súa base nun municipio a máis de 50 km. Ademais, nos últimos cinco meses só hai unha médica atendendo ás máis de 6.000 persoas que viven no Rosal e dende o 2021 non se conta con pediatra, o que non só implica unha sobrecarga das dúas pediatras da Guarda, senón que deriva en “demoras na atención e priva aos rapaces e rapazas dunha necesaria atención temperá que permite detectar en tempo adecuado potenciais patoloxías que poden ser graves para o seu futuro”.