05 Abr 2023 ALUMNADO DO ROSAL ACHÉGASE Á FIGURA DE DOMINGO FONTÁN, A PRIMEIRA PERSOA EN POÑERLLE ROSTRO A GALICIA
O CPI Manuel Suárez Marquier é un dos centros que acolle a proxección dun documental sobre o impulsor da xeografía moderna en Galicia
Será o mércores 12 a través dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra
Foi o impulsor da xeografía moderna en Galicia e a primeira persoa en elaborar un completo mapa do país, a súa Carta Xeográfica de Galicia. Foi Domingo Fontán, histórico matemático e cartógrafo galego, unha figura que agora se achega á mocidade rosaleira a través do Servizo de Patrimonio Documental de Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.
O alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier poderá coñecer a este persoeiro coa proxección do documental ‘Fontán, o primeiro rostro de Galicia’, que achega á mocidade cunha linguaxe sinxela o proceso que levou a Domingo Fontán a determinar a través da súa carta xeográfica a orografía de todo o territorio galego nunha época na que non existían as novas tecnoloxías. Foron 17 anos de traballo.
Así, o vindeiro 12 de abril ás 12.00 horas o estudantado coñecerá como foi o proceso que deu pé ao primeiro mapa moderno e rigoroso de Galicia, que sería base cartográfica de proxectos de ferrocarril e de estradas e fonde de elaboración doutros mapas. Deste xeito, O Rosal será un dos 10 concellos da provincia que poidan gozar desta peza audiovisual que inclúe entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía.