17 Abr 2019 APERTURA DOS MUIÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN EN SEMANA SANTA
O centro de información dos muíños abrirá dende o xoves ata o domingo, en horario de 11:00 14:00 e de 16:00-19:00. Ademais de proporcionar información ós visitantes, o propio centro é un muíño rehabilitado no que se poderá observar todo o proceso de moenda. A previsión meteorolóxica indica que as chuvias amainarán a partir da mañá do venres, polo que esta fin de semana semella ser ideal para a súa visita.
Os muíños do Folón e do Picón son unha desas xoias que temos no Rosal, sendo a súa visita recomendable en calquera época do ano. Sen embargo, algo especial acontece tralos días de choiva primaveral. Os regatos que alimentan os muíños cobran vida inundando toda a paraxe do seu particular rumor. O verde do prado contrasta coas pinceladas de cores típicas do sotobosque galego. As fervenzas e pozas amosan toda a súa capacidade. E, por suposto, están os muíños, os cales se erguen na ladeira amosando un modo de vida que soubo adaptarse perfectamente ó entorno.
Dende o concello do Rosal queremos compartir este orgullo, polo que animamos a que vos acerquedes e descubrades esta xoia nosa.