As Eiras énchese de historias

As Eiras énchese de historias

O Concello continúa a levar a cultura polos barrios cos ‘Contos animados’ este venres 13 ás 18 h

Tarde chea de maxia e imaxinación nas Eiras. O Concello continúa a levar a cultura aos barrios cunha nova actividade este venres 13 de setembro ás 18.00 horas, cando o Centro Cultural das Eiras se converterá nun espazo repleto de imaxinación e entretemento cunha sesión dos ‘Contos animados’.

“Queremos que a cultura chegue a todos os recunchos do noso municipio e a todas as persoas, dende a cativada ata os maiores”, destacou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que resaltou a importancia de actividades como esta para fomentar o hábito lector entre a poboación.

A actividade, aberta a todos os públicos e de balde, enmárcase na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza a lectura e a información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O Concello anima a toda a veciñanza a participar nesta actividade única que converterá a tarde do venres nun momento inesquecible para as e os amantes dos bos contos e historias.