AS ESCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS VOLVERON AO CASTRO DO PICO DA BANDEIRA DESPOIS DE 100 ANOS

Concello e Comunidade de Montes do Rosal promoveron unha campaña en 12 m2 na contorna da muralla e nun petróglifo próximo

As escavacións arqueolóxicas volveron ao Castro do Pico da Bandeira un século despois. O Concello promoveu en colaboración coa Comunidade de Montes do Rosal unha campaña arqueolóxica no Castro do Pico da Bandeira, un castro de grandes dimensións situado no límite co municipio da Guarda que abrangue aproximadamente seis hectáreas de terreo. “Con estas actuacións queremos axudar a poñer en valor este importante enclave histórico que goza dunhas grandes vistas sobre o val do río Miño e afondar no coñecemento histórico da contorna”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Escavado a inicios do século XX pola Sociedade Pro-Monte de Santa Tecla, nel apareceron diversos fragmentos de cerámicas, trisqueles e outros obxectos de valor dos que nestes intres non se coñece o seu paradoiro ou que están misturados cos restos doutros lugares. Por iso, tras a limpeza da zona promovida pola Comunidade de Montes de Salcidos en colaboración coa do Rosal hai dous anos e que permitiu documentar os restos dunha vivenda en superficie, agora o Concello rosaleiro promoveu unha pequena escavación de 12 metros cadrados na contorna da muralla “para coñecer o seu estado de conservación e potencial, así como para descubrir máis datos sobre a época deste castro e sobre as súas xentes”.

Ademais desta intervención, tamén porase en valor un petróglifo situado a escasos metros do castro, que podería ser da mesma data ou anterior e que consiste nun reticulado. Esta peza foi sinalizada dentro dos traballos da campaña. Tras as escavacións realizarase unha visita guiada ao castro e á súa contorna para dala a coñecer á veciñanza.

A campaña contou co apoio da Deputación de Pontevedra, que financiou con 4.767 euros para os traballos de sinalización a través dunha liña de axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural dos concellos da provincia para o ano 2021.