As historias de Carmen e Isaac, xa na web do proxecto Memoria Viva

AS HISTORIAS DE CARMEN E ISAAC, XA NA WEB DO PROXECTO MEMORIA VIVA

O Concello recompila neste espazo os vídeos e libros dos protagonistas desta iniciativa coa que busca salvagardar o patrimonio inmaterial do municipio

O Rosal fai un novo oco á súa memoria. O Concello vén de publicar na web do proxecto Memoria Viva os vídeos documentais e os libros en versión dixital de Carmen Piedra Pérez e Isaac Penelas Carbajales, as dúas novas testemuñas que se suman a esta iniciativa coa que se busca protexer e manter presente o patrimonio inmaterial do Rosal, así como o coñecemento e a memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.

A información recollida na web amplíase así coa historia de Carmen, nada e criada en San Xoán de Tabagón e vinculada á música dende o berce. Tanto no seu vídeo como no libro que protagoniza, Carmen repasa a súa vida, reconstruíndo boa parte da historia de case o último século da parroquia rosaleira que mira cara a Portugal, terra de veciñanza e amizade, e colaboradora na supervivencia da posguerra.

O outro protagonista desta segunda edición do proxecto é Isaac, un home madrugador moi querido no Rosal, que ás seis e media da mañá xa está en pé para comezar a súa xornada tal e como mandan os canons da súa igrexa: rezando.

Carmen e Isaac súmanse así a Nemesio Castro e Marcola González, dous entrañables persoeiros rosaleiros cos que arrancou un proxecto  “co que evitar que caia no esquecemento unha parte tan importante da nosa memoria individual e colectiva, esa historia que non está nos libros. Dende o Concello seguiremos traballando para recuperar e recompilar as vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida… dos nosos veciños e veciñas”, asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora quere agradecer a inestimable colaboración de cada un dos protagonistas, así como das súas familias e achegados, xa que “sen todas e todos eles non sería posible levar a cabo os traballos de documentación e gravación nin a recompilación deses anacos da nosa historia”.