01 Mar 2023 AS TRAÍDAS CHEGAN Á GRAN PANTALLA NO ROSAL CO DOCUMENTAL ‘A AUGA QUE TROUXERON’
Comunidade de Montes do Rosal e Concello levan a proxección deste filme sobre as traídas de augas de Galicia ao alumnado rosaleiro e ao público xeral
A veciñanza poderá visualizalo o venres 3 de marzo ás 20 h no auditorio municipal con entrada de balde ata completar aforo
A auga será unha das grandes protagonistas da axenda cultural rosaleira esta fin de semana. A Comunidade de Montes do Rosal programa, en colaboración co Concello, a proxección este venres 3 de marzo no auditorio municipal do documental ‘A auga que trouxeron’, un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia.
O proxecto, de Trespés Producións, afonda nestes sistemas que son resultado dun proceso histórico onde a veciñanza xogou un papel importante, xa que foron en moitos casos os propios veciños e veciñas as que as construíron, financiaron e xestionaron. Este modelo ofreceu un sistema de abastecemento autónomo adaptado ao contexto territorial de Galicia, caracterizado pola alta dispersión poboacional, unha realidade que permanece aínda a día de hoxe. Este documental permitirá ao público ollar cara ao pasado para recoñecer o esforzo colectivo que significou levar a auga ás casas nunha Galicia rural ser servizos básicos garantidos; analizar o presente, cos seus retos e conflitos; e albiscar o camiño a percorrer para unha realidade do común que xestiona un ben tan importante e que debe facer fronte a ameazas como o despoboamento rural ou a seca.
A proxección contará con sesión dobre, unha dirixida á poboación máis cativa e outra ao público xeral. Así, ás 12.00 h o pase estará dirixido ao alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, mentres que ás 20.00 horas será aberto á veciñanza. A entrada será de balde ata completar aforo.
O Concello do Rosal mantén o seu firme compromiso coas traídas de augas veciñais do municipio, coas que colabora cada ano axudándolles na mellorar das súas instalacións e no financiamento das análises de potabilidade obrigatorias. Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, a proxección deste documental é “unha grande oportunidade para agradecer de novo aos veciños e veciñas a súa implicación, pois xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga”.