08 Feb 2021 AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA PAIXASÍSTICA E EMBELECEMENTO DE VIVENDAS, BENS E RECURSOS QUE SE ATOPEN NO CAMIÑO DE SANTIAGO
Todas estas actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección do Camiño de Santiago e no campo visual do seu percorrido, excluíndo a aqueles situados en núcleos urbanos consolidados
A Axencia de Turismo de Galicia acaba de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para levar a cabo actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de vivendas, bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago. Todas estas actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección do Camiño de Santiago e no campo visual do seu percorrido, excluíndo a aqueles situados en núcleos urbanos consolidados.
Poden levarse a cabo actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna, facendo traballos para a valorización, mantemento, conservación, consolidación ou restauración dos bens que integran o patrimonio etnográfico de Galicia, como poden ser fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches,… ou calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e á cultura do lugar.
Tamén se recollen actuacións sobre a casa e a eira para realizar traballos de mellora nos revestimentos na fachada, na cuberta con materiais propios da zona como madeira, pedra, pintura e calquera material que harmonice coa contorna e coas súas cores; nos puntos de contacto co trazado do camiño, como valados e pavimentos; ou nas edificacións auxiliares, como adaptación da escala ou dos acabados.
Estas axudas tamén contemplan actuacións no espazo agrario para ocultar mediante vexetación ou outros elementos aqueles bens ou elementos con forte impacto sobre o campo visual do Camiño como, por exemplo, naves gandeiras; para a demolición de elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico; para a mellora dos puntos de contacto co trazado do camiño, como valados ou pavimentos; ou para o desentullo e limpeza de lixo ou materiais en desuso.
Poderán pedir estas subvencións as persoas que queiran facer actuacións de naturalización, coa incorporación de vexetación como elemento integrador das construcións e das vías, como arboredo e vexetación arbustiva de acompañamento do camiño, e mellora do axardinamento en xeral; e actuacións no trazado do camiño, como a substitución de elementos de mobiliario urbano e similares.
Todas as actuacións deberán executarse seguindo as indicacións que se recollen nas bases e o importe da subvención será do 75% do investimento subvencionable do proxecto, cun límite de 10.000 euros. Prazo de solicitude, ata o 4 de marzo ou ata esgotamento do crédito.
Máis información no enlace premendo aquí