BENVIDOS AO NOVO CURSO 2018-2019

En primeiro lugar quero dar unha benvida especial ao alumnado, familias e profesorado que a partir deste curso se incorporan aos centros educativos do Rosal, convidándoos a integrarse e a participar activamente nas cuestións educativas que nos afectan a todos e todas como comunidade.
Neste inicio de curso escolar, que abriron os alumnos e alumnas de educación infantil e primaria, queremos destacar que no CRA María Zambrano están matriculados para este curso, 127 nenos e nenas de entre 3 e 7 anos, e no CPI Suárez Marquier nos seus cinco cursos de primaria 180 alumnos/as. Poboación sumamente importante xa que mantén e permite a apertura da totalidade das aulas.
Este luns día 17 fíxoo o alumnado de secundaria cun número de 217 mozos e mozas matriculados nos catro cursos de ESO.
Como é habitual, durante a época estival realizáronse as melloras e o mantemento das aulas, que salvo obras maiores, lévanas a cabo o persoal do concello.
No CPI realizáronse as seguintes reformas: mantemento e arranxos das zonas verdes, restitución e reparación das beirarrúas interiores do centro, arranxo das portas e cancelas de entrada, reparación das estruturas de aillamento exterior, colocación dun aparcadoiro de bibicletas na entrada, revisión de toda a iluminación do centro, instalación de radiadores e pintado en varias das aulas.
En canto ao CRA: reparación das rampas de acceso, mantemento das zonas verdes, recheo das fochancas dos patios de terra, reposición de area nos areeiros, arranxos e colocación de portas, cancelas e cisternas, reparación de baños, revisión da iluminación de tódalas aulas, arranxo de radiadores e pintado.
Entre os proxectos máis próximos, o máis ambicioso é poñer en marcha os comedores escolares do CRA María Zambrano e o CPI Suárez Marquier, e a ampliación da biblioteca do CRA situada en Paradela- Tabagón.
A excelente harmonía e relación cos centros educativos permite que as propostas e proxectos que nos expoñen poidan levarse a cabo.
Sen máis despídome, agradecendo a toda a comunidade a confianza nos nosos centros educativos e no bo facer e profesionalidade que os nosos docentes sempre amosaron.

Un saúdo
A alcaldesa
Mª Carmen Alonso Alonso