CANDO A RECICLAXE CHAMA Á PORTA

O Rosal acolle este xoves 10 ás 20.00 horas unha charla sobre xestión de residuos a cargo do mestre composteiro Óscar Martínez

O Concello do Rosal continúa coa súa aposta por achegar á veciñanza modelos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente en todos os ámbitos, tamén na xestión de residuos. Neste camiño, este xoves 10 de novembro o Centro Social Polivalente acollerá a charla ‘O cambio chama á túa porta. Falemos de reciclaxe’, un encontro co mestre composteiro Óscar Martínez no que abordar cuestións que permitirán a rosaleiros e rosaleiras adiantarse ao futuro da reciclaxe.

“Cada día facemos esforzos para concienciar ás persoas de que existen outros modelos de xestión dos nosos residuos afastados do usar e tirar en prol dun modelo de economía circular”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora lembra que o Concello ten en marcha unha web específica de medio ambiente, un espazo que aglutina toda a información relativa á xestión responsable dos residuos, unha ferramenta coa que baixo o lema ‘Únete ao cambio’ se busca axudar a potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, fomentar a trituración de restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores do resto, axudar a alongar a vida útil dos obxectos e mesmo reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro.

A charla será ás 20.00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo.