A FARSA DESCARADA, IRREVERENTE E HIPERBÓLICA DE NON SI? TEATRO, ESTE DOMINGO 27 NO ROSAL

Chegan ao auditorio municipal ás 19.00 horas coa súa obra ‘Ubú encadeado’, unha adaptación do clásico francés de Alfred Jarry

Fin de semana de teatro no Rosal. O auditorio municipal acolle este domingo 27 o espectáculo ‘Ubú encadenado’, unha montaxe da compañía baionesa Non si? Teatro para público a partir de 12 anos baseada no clásico ‘Ubú rei’ do autor francés Alfred Jarry e adaptada pola directora do grupo e dramaturga, Mónica Sueiro. O espectáculo comezará ás 19.00 horas e será con entrada libre ata completar aforo.

Trátase dunha comedia dunha hora de duración na que o público gozará dunha farsa descarada, irreverente e hiperbólica que constitúe unha sátira social e unha burla sarcástica da natureza humana.

Destronados de Polonia, Pai Ubú e Nai Ubú, interpretados por Isaac Villar e Eva Llorca, chegan a Francia, o país onde reina a liberdade, a fraternidade e a igualdade entre todas as persoas. Nesta nova realidade, Pai Ubú decide ser escravo pero sen deixar de ser o déspota de sempre.