12 Abr 2023 CARTAS QUE CONECTAN XERACIÓNS NO ROSAL
Alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier escríbese con persoas usuarias do Centro de Día, retomando a comunicación en papel doutros tempos
Conectar xeracións diferentes a través dunha práctica doutros tempos: escribir cartas en papel. Por segundo ano consecutivo, o CPI Manuel Suárez Marquier puxo en marcha en colaboración co Concello do Rosal o proxecto ‘Madriñas e padriños da Mata’, unha iniciativa que busca o intercambio de cartas entre o alumnado do centro e as persoas usuarias do Centro de Día ‘Mirador do Val’ de Martín.
A iniciativa naceu o pasado curso, aínda coa pandemia limitando a vida social das persoas e co claro obxectivo de loitar contra a soidade, xa que a correspondencia naquela edición mantívose con mulleres que vivían soas. “É unha forma de conectar xeracións que parecen moi distintas pero que en moitas ocasións poden ter moitas cousas en común. Unha actividade feita con moito agarimo tanto polos rapaces e rapazas como polas persoas maiores que tece oportunidades para seguir aprendendo, ter novas motivacións e facer novas amizades”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A profesora do CPI Manuel Suárez Marquier Ana Fernández é a encargada de coordinar ao alumnado e de entregar as cartas que logo son enviadas polo Concello ao centro de día. O proceso continúa recollendo as cartas de resposta escritas polas persoas maiores para remitilas de novo ao centro educativo e así sucesivamente ata fin de curso.
Ao remate da actividade realizarase unha xornada de encontro e convivencia entre o alumnado e os usuarios e usuarias do centro de día, un encontro interxeracional co que seguir compartindo experiencias e tecendo amizades.