Chega ao auditorio do Rosal ‘A herdanza’, a quinta longametraxe do Grupo San Roquiño

CHEGA AO AUDITORIO DO ROSAL ‘A HERDANZA’, A QUINTA LONGAMETRAXE DO GRUPO SAN ROQUIÑO

Cine para todos os públicos este domingo 10 ás 19.30 horas

Cine para todos os públicos esta fin de semana no Rosal. O vindeiro domingo 10 o auditorio municipal acolle a proxección de ‘A herdanza’, a última longametraxe do Grupo San Roquiño, unha película filmada nos anos 2019 e 2020 con moito humor e con máis de 40 actores e actrices en escena.

O filme, o quinto do Grupo San Roquiño, conta a historia de tres irmáns cunha inmensa fortuna pero sen descendencia a quen deixala. A trama comeza cando veciños e veciñas tentan axudalos a resolver este problema.

San Roquiño é un grupo goianeses e goianesas que ten por obxectivo crear proxectos cinematográficos tratando sempre de recompilar a historia da súa contorna para transmitirlla ás novas xeracións. A idea xurde polo ano 2010, cando varios amigos e amigas se xuntan e, entre café e café, deciden facer unha obra teatral que, co tempo, acaba converténdose nunha longametraxe.

A cita para ver a súa nova obras será ás 19.30 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.