Chega ao Rosal Depoforest, un proxecto para mellorar a empregabilidade no sector forestal e no medio natural

CHEGA AO ROSAL ‘DEPOFOREST’, UN PROXECTO PARA MELLORAR A EMPREGABILIDADE NO SECTOR FORESTAL E NO MEDIO NATURAL

A formación realizarase en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Haberá unha charla informativa o vindeiro mércores 9 de novembro no Centro Social Polivalente

O Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra colaboran para desenvolver no municipio o proxecto ‘Depoforest’, un curso formativo centrado na xestión integral e aproveitamento de piñeirais que, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, ten como obxectivo “mellorar a capacidade de atopar traballo de persoas en situación de desemprego, apostando así ademais pola creación de emprego verde, pola protección do noso monte dun xeito diverso e sostible e polo asentamento de poboación no rural”.

O vindeiro mércores 9 de novembro ás 10.00 horas no Centro Social Polivalente impartirase unha charla formativa sobre este programa formativo gratuíto que está dirixido a persoas desempregadas, facendo especial fincapé en mulleres, mozos e mozas ou maiores de 45 anos que lles interese traballar no sector forestal e no medio natural.

Trátase dun proxecto para a creación de emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad. A través desta iniciativa, as persoas interesadas poderán participar nun taller práctico no que se porá en valor a multifuncionalidade dos montes a través dunha xestión innovadora que axuda ao desenvolvemento socioeconómica dos espazos forestais das zonas rurais.

‘Depoforest’ pretende introducir a través da formación os coñecementos necesarios apra esa mellor xestión da superficie forestal a longo prazo e obter un maior beneficio, ademais de introducir actividades económicas que axuden a obter o mellor produto con vistas aos vindeiros 15 ou 20 anos ao tempo que pode ser fonte de ingresos complementarios de xeito máis periódico. Búscase ademais preservar e mellorar os socio-ecosistemas relacionados coa actividade de extracción de resinas naturais, garantindo e potenciando a mixtura de usos, unha innovación centrada nos propietarios e propietarias e comunidades de montes, cun claro retorno sociocultural, económico e ambiental, mantendo os servizos ecosistémicos e o desenvolvemento rural e facilitando a integración de mulleres e mocidade. “En definitiva, convertendo o medio forestal nunha oportunidade laboral para os veciños e veciñas do noso rural”, recalca a rexedora.

As persoas interesadas en participar na acción formativa poden poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico medioambiente@depo.es ou do teléfono 886  210 725.