Chega ao Rosal o espectáculo de monicreques ‘Xela contra o dragón Traga-verbas’

CHEGA AO ROSAL O ESPECTÁCULO DE MONICREQUES ‘XELA CONTRA O DRAGÓN TRAGA-VERBAS’

Será este venres 30 de setembro ás 18.00 horas no Parque do Sobreiral ao abeiro do programa de dinamización lingüística FalaRedes

 

O Rosal, 28 de setembro de 2022.- A fin de semana arranca no Rosal con actividades para desfrutar en familia. Este venres 30 de setembro nenos e nenas poderán aprender e divertirse con ‘Xela contra o dragón Traga-verbas’, un espectáculo de monicreques de Títeres Cachirulo que se poderá ver ás 18.00 horas no Parque do Sobreiral, ao carón do aparcadoiro municipal do Calvario.

A súa protagonista, Xela, é unha nena de 10 anos que ten que liberar aos seus compañeiros de escola, atrapados polo malvado Katraska quen, valéndose do dragón Traga-verbas, os ten escondidos na cova do trasno. Alí permanecerán ata que esquezan o galego, a súa lingua nai, e se convertan nos seus secuaces. Trátase dunha obra na que se aborda a importancia do uso cotiá da lingua galega e da conservación da identidade.

O Rosal acolle este espectáculo ao abeiro da segunda edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, creado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para encher de actividades en galego o tempo de lecer nos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. O seu obxectivo é ampliar a oferta existente en galego, promover o seu uso e unha valoración positiva da lingua na sociedade a apoiar ás e aos artistas que desenvolven o seu traballo neste idioma.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a desfrutar desta proposta pensada para público familiar e “deixarse levar pola maxia, a ilusión e as risas que nos traerá a compañía Títeres Cachirulo con este coidado espectáculo de monicreques”.