Chega unha nova edición de Parte de ti, campaña de apoio baseada nas historias das persoas que transforman o rural

Chega unha nova edición de Parte de ti, campaña de apoio baseada nas historias das persoas que transforman o rural

No acto de presentación da campaña de Galicia Suroeste estiveron presentes as persoas protagonistas desta edición e representantes dos concellos que forman parte do territorio

Parte de ti celebra o seu sétimo ano e continúa dando a coñecer as grandes historias que hai detrás do rural. Trátase dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar, baseándose nas historias das persoas que están detrás dos produtos e servizos que temos a disposición na nosa contorna.

A presentación da nova edición desta campaña comezou cunha peza audiovisual resumo dos 7 anos que Galicia Suroeste leva promocionando ás persoas que deciden emprender e quedarse no rural, ofrecendo o mellor delas e a súa profesionalidade, tanto á poboación local como a todas aquelas persoas que visitan o territorio.

A continuación proxectouse a historia de Ricardo García de Aica Cerámica de Mos, quen na súa intervención non puido conter a emoción por ter sido escollido como protagonista e lembrou todo o traballo familiar para levar adiante este proxecto que iniciou o seu avó cando regresou da emigración dende Cuba.

Nas vindeiras semanas Galicia Suroeste irá lanzando tanto na súa web como nas redes sociais as 8 historias que este ano formarán parte da campaña Parte de ti 2026.