CLAUSURA DA V EDICIÓN DO CAMPUS DE FÚTBOL O ROSAL

O Campus de Fútbol “O Rosal” está organizado pola UD Ribera en colaboración co Concello

75 nenas e nenos de entre 5 e 16 anos desfrutaron ao grande da V edición do Campus de Fútbol “O Rosal”, organizado pola UD Ribera en colaboración co Concello.

As instalacións deportivas de A Mata e o polideportivo do Colexio Suárez Marquier acolleron as actividades deste campus que comezou a súa andaina o 4 de xullo co obxectivo de ofertar unha alternativa positiva de lecer e promover hábitos de vida saudables entre as e os máis pequenos.

Ao longo do mes de xullo, o Campus de Fútbol “O Rosal” convertiuse nun espazo de convivencia, aprendizaxe e, sobre todo, diversión que levarán no recordo todos e todas as participantes.

Segundo lembra o director do campus, Abel Lomba, “a U.D. Ribera tratou de ofrecer unha experiencia o máis completa posíbel e penso que o conseguimos”. Ademais dos adestramentos propios do fútbol, esta quinta edición recibiu as visitas de Pablo Durán, o atacante da SD Compostela, que a través dunha charla do máis produtiva deixou claro que con esforzo, ilusión e ganas todo é posible. E tamén pasou polo campus Laura Fernández Pedrera do CTA Vigo. A xoven e prometedora árbitra explicoulles aos nenos e nenas as reglas do xogo e, coa súa presenza demostrou tamén que existen referentes femininos nun deporte que levanta paixóns e que pode ensinar moito.

Non faltaron neste campus os labores de técnica e coordinación, unha masterclass de balonmán a cargo de Acanor Novás Valinox, e deportes alternativos, como o béisbol.

Hoxe tivo lugar a clausura coa entrega de diplomas. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, sinala o éxito da presente edición, coa participación de 75 nenas e nenos “que puideron aproveitar ao máximo unha experiencia que, con seguridade, terá continuidade porque xa se converteu nun referente na nosa contorna”. A rexedora quixo agradecer tamén á UD Ribera “o seu compromiso e o seu esforzo por sacar adiante unha nova edición deste campus de fútbol”.