![](https://orosal.gal/wp-content/uploads/2022/03/iria-veiga.jpg)
16 Mar 2022 CLAVES SOBRE A SAÚDE MENTAL NA MOCIDADE ESTE VENRES NO ROSAL COA MÉDICA PSIQUIATRA IRIA VEIGA
O Centro Social Polivalente acollerá a partir das 20.00 horas unha charla sobre o neurodesenvolvemento na adolescencia e os seus principais síntomas
A adolescencia é un período crucial para o desenvolvemento do cerebro, no que vai perfeccionando as súas capacidades cognitivas, a memoria, a linguaxe… ao tempo que aparecen novas conexións que ata o momento non empregaban. Por iso a mocidade pode facer cousas máis complexas e abordar temas máis profundos que nenos e nenas non están preparados para afrontar. Para comprender este funcionamento e como afecta ás nosas e nosos adolescentes, o Concello do Rosal organiza este venres 18 unha charla coa médica psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga na que abordará ‘A saúde mental na mocidade’.
Veiga exerce como médica psiquiatra no Hospital da Barbanza e autora do blog ‘O outro lado do espello’, ademais de escritora e colaboradora habitual de medios de comunicación e participante en diversas iniciativas relacionadas coa lingua e a divulgación científica. Actualmente tamén pode seguirse na canle de Twitc ‘Balea Vermella’, na que xunto a Javier Balea realiza entrevistas e conversas sobre ciencia. Durante a charla, a médica psiquiatra afondará no neurodesenvolvemento na adolescencia e os seus principais síntomas.
Aberto a todos os públicos, dende o Concello animan e convidan a participar nese encontro a todos os rosaleiros e rosaleiras. Será a partir das 20.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada de balde e libre ata completar aforo.