Concello e Asociación Española contra o Cancro avanzan na súa colaboración

CONCELLO E ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO AVANZAN NA SÚA COLABORACIÓN

O ano pasado, a AECC realizou 26 intervencións con pacientes oncolóxicas no Rosal. A alcaldesa reuniuse coa nova delegada no Baixo Miño e co coordinador territorial para abordar o gran papel que xoga a asociación para paliar o impacto da enfermidade

O cancro é unha das principais causas de mortandade no mundo, cun importante aumento de casos cada ano, por iso educar na prevención, acompañar ás persoas enfermas e ás súas familias e apostar pola investigación é fundamental para paliar o impacto da enfermidade. Tres liñas nas que a Asociación Española contra o Cancro (AECC) leva anos traballando, tamén no Rosal, onde só de xaneiro a outubro do ano pasado realizaron 26 intervencións con pacientes oncolóxicos do municipio.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro coa nova delegada no Baixo Miño da AECC, Pilar Barbosa, e co coordinador territorial en Pontevedra, Telmo Crespo, para falar do importante papel que xoga a entidade no concello rosaleiro e de futuras colaboracións entre o Concello e a entidade. “Temos que felicitar á Asociación Española contra o Cancro por ese gran labor que están a desenvolver no Rosal, por esa implicación e por facer o día a día de doentes e familias moito máis levadeiro, acompañándoas, atendéndoas e asesorándoas en momentos tan delicados”, destacou a rexedora.

Pola súa banda, a AECC Baixo Miño quixo “agradecer o apoio prestado en todo momento polo Concello, que a través das subvencións por concorrencia competitiva a entidades permitiunos aumentar as axudas e levar a cabo todos os proxectos que temos en marcha”. A asociación fixo un chamamento á participación da veciñanza animando a todos os rosaleiros e rosaleiras a que se sumen ao voluntariado de acompañamento co que conta a AECC.

Na actualidade, a AECC Baixo Miño conta cun punto de atención informativo presencial no Centro Social Polivalente no que atenden todos os mércores de 10.00 a 12.00 horas e teñen a disposición das persoas interesadas un número de teléfono de información, o 647 77 19 98. Ademais, ofrece información, apoio e asesoramento médico, psicolóxico e social as 24 h do día durante todos os días do ano a través do teléfono de balde 900 100 136.

A asociación tamén conta con outros servizos gratuítos para pacientes oncolóxicos e a súa familia, como un programa de atención social para manter ou recuperar a calidade de vida que se ve afectada pola enfermidade e tratamentos a distintos niveis, outro de apoio emocional ou un de rehabilitación integral a persoas con cancro de cabeza e pescozo, axudando a afrontar os trastornos derivados da cirurxía e a mellorar e recuperar a fala. Ademais, ten en marcha un programa de deshabituación tabáquica cunha taxa de éxito do 60%.