08 Abr 2024 Concello e COGAMI unen esforzos para ofrecer un servizo de orientación laboral a persoas con discapacidade
As persoas interesadas en acceder a este servizo de balde poden facelo a través da entidade ou do departamento de Servizos Sociais rosaleiro
O Rosal continúa traballando para acadar a plena accesibilidade e a igualdade de oportunidades en todos os eidos. O Concello e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) acaban de asinar un convenio de colaboración para a formalización do servizo de orientación laboral totalmente gratuíto para persoas con discapacidade que ofrecerá intermediación, orientación e prospección na procura de emprego.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, mantiveron un encontro co vicepresidente 1º de COGAMI Ramón Sestayo e con representantes da entidade para formalizar esta colaboración que reflicte “a aposta estratéxica do Concello pola inclusión, pola igualdade de oportunidades e pola riqueza da diversidade”.
A rexedora destacou que este servizo que xa está a funcionar non só facilitará o acceso ao mercado laboral a persoas con discapacidade, senón que tamén “contribuirá a promover unha sociedade máis xusta e equitativa”. Resaltou ademais a importancia de traballar en colaboración con COGAMI para garantir que “todos os rosaleiros e rosaleiras teñan a posibilidade de desenvolverse plenamente, dando pequenos pasos cara a un Rosal máis inclusivo e solidario”.
Baixo o nome de ‘Suma capacidade’, este servizo de orientación laboral traballará para a inserción laboral de persoas con discapacidade a través dunha bolsa de emprego e da atención individualizada para definir o perfil profesional, atendendo tamén á formación para a mellora da empregabilidade. Cun equipo de 40 orientadoras e orientadores laborais e axentes de emprego por toda Galicia, a través deste servizo COGAMI realiza entrevistas de orientación laboral, visita empresas para captar ofertas de emprego e sensibilizar sobre a discapacidade e realizar accións grupais de busca de emprego e motivación, achegado os medios para que as persoas con diversidade funcional na procura de traballo poidan atopalo canto antes.
As persoas interesadas en participar neste servizo de orientación laboral poden facelo poñéndose en contacto a través da propia entidade no 634 26 62 29 ou a través do departamento de Benestar Social do Concello do Rosal.